Licitada a ampliación de Montecelo por 115 millóns de euros

Pontevedra
24 de abril 2020

As obras desta primeira fase comezarán leste mesmo ano. Feijóo precisou que a ampliación estará comunicada coas instalacións actuais e increméntanse as camas de UCI un 36%, pasando de 20 a 35 camas. As urxencias concentraranse todas no novo edificio 

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / Diego Torrado

Paso adiante na ampliación do Hospital Montecelo. O Consello da Xunta de Galicia autorizou a licitación das obras da primeira fase do proxecto, o coñecido como Gran Montecelo, que supón un investimento de 114,6 millóns de euros.

As obras desta primeira fase comezarán este mesmo ano e, segundo anunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, esta ampliación supón, "sen ningunha dúbida, un antes e un despois para a sanidade pública na área de Pontevedra". 

Feijóo precisou que a ampliación estará comunicada coas instalacións actuais e centralizará servizos como a área de urxencias, a unidade de coidados intensivos (UCI), a hospitalización con ingreso e as especialidades de maior complexidade. No caso da UCI, increméntanse as camas un 36%, pasando de 20 a 35 camas

As urxencias concentraranse todas no novo edificio, cunha "única porta de Urxencias" e as instalacións terán 120 camas máis e o 60% das habitacións serán individuais. Ademais, aumentará un 92% as salas e postos de urxencias e haberá un 49% máis de postos no hospital de día, que pasarán de 109 a 162.

A área sanitaria de Pontevedra atende a máis de 300.000 habitantes de 26 concellos e Feijóo lembrou que todos eles terán un novo hospital para os próximos 50 anos.  

Ademais, destacou que esta obra foi definida polos propios profesionais do Sergas, con achegas de 300 traballadores, tras 120 reunións e 2.400 enquisas, aos que aproveitou para agradecer o seu compromiso durante o deseño.

Tras esta primeira fase, levará a cabo unha segunda que supoñerá a reforma do edificio actual, cun investimento de 25 millóns de euros. Coas obras de ampliación e reforma, que supoñerán un investimento total de 140 millóns, o Gran Montecelo ampliará a súa capacidade contando cun 50% máis de superficie –de 79.500 a 118.000 metros cadrados-.

Arquivado en