Sae a licitación o proxecto para humanizar a pasarela de Doce de Novembro

Pontevedra
02 de xaneiro 2025
Actualizado: 12:48

A nova zona verde sobre a vía do tren sitúase entre a Rúa Joaquín Costa e a Rúa das Hortas. Trátase dunha área de 4.648 metros cadrados que actualmente ten o paso restrinxido

Cuberta do tren na avenida Doce de novembro
Cuberta do tren na avenida Doce de novembro / PontevedraViva

O Concello de Pontevedra abre a licitación do proxecto para o acondicionamento da parcela sobre a vía férrea da rúa Doce de Novembro.

A decisión adoptouse este xoves 2 de xaneiro na Xunta de Goberno Local celebrada á primeira hora da mañá.

A nova zona verde sobre a vía do tren sitúase entre a rúa Joaquín Costa e a Rúa das Hortas. Trátase dunha área de 4.648 metros cadrados que actualmente ten o paso restrinxido.

Este proxecto de parque urbano accesible ábrese a licitación cun orzamento de 710.972 euros que financiará a Deputación de Pontevedra a través dun convenio asinado co Concello.

Segundo informou este xoves o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a obra estará dividida en tres zonas de intervención, da que a primeira, na zona máis próxima á calzada, terá solo de terra e converterase nunha zona verde. Levará unha liña de árbores para separar a calzada do espazo da pasarela.

Pola súa banda, a parte da cuberta do túnel, actualmente en formigón, pasará a ser unha zona de estar con diferente pavimento, como formigón branco e negro, na que se emprazará a maior parte do mobiliario urbano e que está pensada para paseo e xogo libre.

E, en terceiro lugar, a zona situada xunto ás fachadas traseiras dos edificios de Santa Teresa de Jesús Jornet manterase ao 100% en terra e será a principal área verde da contorna, con arborado, xardín ou unha fonte. O acondicionamento deste ámbito permitirá ademais acometer a conexión peonil con Santa Teresa de Jesús Jornet, que terá unha saída á nova pasarela e á Rúa dás Hortas, cara aos novos edificios dos xulgados, mediante unha rampla.

Entre as árbores previstas para esta zona atópanse arces, cerdeiras, liquidámbares, cipreses ou unha jacaranda, segundo consta no proxecto.

O proceso de licitación permanecerá aberto durante 20 días hábiles para recibir as distintas propostas das empresas que queiran realizalo. O prazo de execución desta obra, unha vez estea adxudicada, será de nove meses.

"É unha obra que completará toda a cuberta, ofrecendo unha continuidade da pasarela actual e fomentando os tránsitos e a seguridade peonil na zona", comentou Lores.

Estes terreos foron cedidos por Adif ao Concello en marzo de 2016. Desde entón foron varias as prupuestas que se barallaron, desde canchas deportivas até unha pista de skatepark, pasando por un parque con zona de xogos. En marzo do pasado ano xa se anunciou a saída a licitación desta obra pero en outubro houbo que renovar o convenio entre Concello e Deputación para financiar este proxecto.