A Xunta de Goberno Local concedeu este luns licenza ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para o acondicionamento da parcela de aparcamento situada na rúa de Alcalde Hevia número 7, xusto en fronte do inmoble administrativo.
O acordo da Xunta de Goberno dá cumprimento ao acordado pola Comisión de Urbanismo o pasado 18 de marzo. Daquela, o tenente de alcalde, Antón Louro, dera conta dos informes xurídicos municipais que condicionaban a utilización da parcela de aparcamento aos vehículos relacionados cos usos administrativos da sede do IGVS. Os mesmos informes, recalcara o responsable urbanístico municipal, advertían de que o aparcadoiro non podería ter uso rotatorio para o público en xeral.
A principios deste mes de maio, o IGVS presentou a documentación rexistral do predio dominante (sede do IGVS) e do predio servinte (parcela do aparcamento) xunto con compromiso legal da Dirección Xeral do Instituto de supeditar a utilización do aparcamento ao servizo do inmoble administrativo.
A parcela ten unha superficie de 921 metros cadrados. O proxecto presentado, valorado a efectos de orzamento de execución material en 5.095,26 euros, permite a habilitación de 44 prazas (26 vehículos pequenos, 14 vehículos grandes, dúas prazas adaptadas e dúas prazas para vehículos de dúas rodas).