Librería Cao, un establecemento que foi parte fundamental da vida cultural de Pontevedra dende 1948, pechará as súas portas a finais deste mes. Nunha emotiva conversa con PontevedraViva no local da rúa Sarmiento, Laura Carrasco, quen dirixiu a librería nos últimos once anos, reflexiona sobre as case oito décadas de actividade do negocio familiar e os motivos deste peche.
- Laura, por que pecha Librería Cao?
A librería pecha porque teño uns proxectos persoais e profesionais que son incompatibles cun horario comercial. Ademais, como moita xente sabe, eu vivín moitos anos en Inglaterra e toda a miña familia política está alí. Perdinme moitísimas reunións familiares, todos os nadais dende que estou en España, o nacemento do meu sobriño, que só o vin tres días... Entón chega un momento no que dis: necesito parar e coidarme.
- Cal foi o momento clave no que tomaches a decisión?
O momento no que tomei a decisión de pechar a librería foi cando cumprín 40 anos. Díxenme a min mesma que necesitaba propoñerme máis cousas na vida. Aínda que adoraba a librería, sentía que non podía seguir abarcando tanto e que debía enfocarme nos meus proxectos persoais e profesionais. Este ano cumprín 45 e deime conta de que seguía na mesma situación, así que entendín que tiña que facer algo drástico para non arrepentirme máis tarde.
- Foi unha decisión difícil de tomar?
Foi durísima, unha das decisións máis difíciles que tomei. Doe, porque son 76 anos de actividade e teño unha conexión emocional moi forte cos meus clientes, que foron parte da miña vida. A miña familia estivo involucrada na librería ao longo de tres xeracións, e estou agradecida por todo o que logramos xuntos. Aínda que pecho este capítulo, non descarto volver abrir no futuro. Foi unha decisión complicadísima, pero había que tomala.
Cando te pos á fronte da librería e por que?
Púxenme á fronte da librería no ano 2013. A decisión de asumir o mando veu tras unha serie de circunstancias difíciles, xa que a miña nai, quen levaba a librería dende os anos 80, desenvolveu un cancro, do que xa está recuperada, pero que lle provocou unha alerxia á tinta e ao papel, polo que lle deron a incapacidade. A librería estaba nunha situación complicada que arrastraba dende a crise de 2009 e coa enfermidade da miña nai... Entón decidín volver de Inglaterra e continuar coa xestión do negocio.
- Cando empezastes coa liquidación?
O xoves da semana pasada. Foi un tsunami de xente vindo, e iso tamén che toca. Ata o 31 de decembro, todos os días vou ter un nó na gorxa porque tes que despedirte de moita xente.
- Como foi a resposta da clientela habitual?
A clientela que tivo e que ten Cao é súper leal. É un vínculo moi forte. Tiven clientes que eran tamén clientes do meu avó e dos meus pais. A xente estivo aí a tope, e agradéceselles unha chea.
- Falando da historia da librería, podes resumir a súa traxectoria?
Todo isto empézao o meu avó no ano 1948. Trasladouse a Pontevedra dende Madrid por razóns políticas, xa que era republicano e estaba moi exposto na capital. Comezou nun pequeno local na praza da Peregrina, onde vendía libros, incluso algúns prohibidos que lle chegaban camuflados en caixas de plátanos.
Dende neno o meu pai axudaba ao meu avó nos recreos. Logo vaise a Madrid a facer a mili, coñece á miña nai e veñen para Pontevedra.
Entón, no 76, a miña nai entra no negocio familiar. O meu pai e o meu avó deciden centrarse na distribución no local que é a librería hoxe, mentres a miña nai está no local do lado.
Nos anos 80 é cando a miña nai pasa a librería para este local de Sarmiento. E entón empezou a especializarse en tema máis artístico, en libros descatalogados e raros.
Eu cando cheguei engadín libros en lingua estranxeira, principalmente por todos os anos que vivín en Londres, e o libro antigo, como unha pequena homenaxe ao meu avó.
- Cal é a túa visión do futuro das librerías?
Creo que hai que coidar o tecido comercial. A xente debería ser máis consciente de que as librerías non son negocios extremadamente rendibles. En Pontevedra, temos o maior número de librerías por habitante de Galicia, o que é esperanzador. Pero a situación é complicada, e é fundamental apoiar aos comercios locais.
- Como manexaches a competencia das compras online?
A última enquisa do Observatorio do Libro e da Lectura dicía que, aínda que as compras online subiron, a maioría da xente aínda prefire comprar en librerías, especialmente nas independentes. Aínda somos puntos de resistencia, porque o bonito de comprar un libro é poder tocar as páxinas antes de darlle ao clic nunha pantalla.
Temos páxina web propia da librería e o que me foi salvando un pouco é que temos libros moi distintos e libros raros e descatalogados que non se atopan tan facilmente.
Pero é imposible competir co xigante de Amazon, aí tamén vendemos, pero leva unha comisión por cada venda do 20 por cento, que para un pequeno vendedor é imposible.
- Para concluír, hai unha mensaxe que che gustaría transmitir aos teus clientes?
Simplemente, dar as grazas de corazón a todo o mundo.
Laura Carrasco organiza os libros nunha pausa nas intensas xornadas de liquidación en Librería Cao
Laura Carrasco é a terceira xeración de Librería Cao
Liquidación de Librería Cao por peche
Liquidación de Librería Cao por peche
Os andeis en Librería Cao empezan a baleirarse tras os primeiros días de liquidación
Laura Carrasco organiza os libros nunha pausa nas intensas xornadas de liquidación en Librería Cao
Laura Carrasco está á fronte de Librería Cao
Liquidación de Librería Cao por peche
Tres xeracións de libreiros: o fundador Dámaso Carrasco, seu fillo Joaquín e a neta Laura
Liquidación de Librería Cao por peche
Liquidación de Librería Cao por peche