Aparatoso accidente de circulación o acontecido á primeira hora deste venres no Concello de Meaño.
Un turismo e un camión colisionaron frontalmente no quilómetro 1 da estrada EP-9305, en Padrenda, quedando unha muller atrapada e ferida polo impacto.
Era a condutora e única ocupante do coche, que necesitou axuda dos Bombeiros do Salnés e Emerxencias Sanxenxo para a súa liberación.
O suceso produciuse minutos despois das 7.00 horas da mañá, e tras recibir a alerta o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia solicitou a intervención dos bombeiros, Urxencias Sanitarias 061 e a Garda Civil de Tráfico.
Segundo informa o 112 a muller ferida, que se atopaba consciente, foi evacuada ao hospital de referencia en ambulancia medicalizada.