Liberade con cargos e baixo fianza de 20.000 euros para Raúl López, presidente de Monbus

Sanxenxo
22 de marzo 2015

López, presidente tamén do Obradoiro e uns dos máximos accionistas do Pontevedra Club de Fútbol, conta cun prazo de cinco días para aboar a fianza. Deberá comparecer no xulgado todos os luns e mércores

Raúl López o día que asinou a súa adhesión ao convenio de acredores do Pontevedra
Raúl López o día que asinou a súa adhesión ao convenio de acredores do Pontevedra / PontevedraViva

Despois dunha longa declaración ante o titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, Pilar de Lara, Raúl López quedou en liberdade con cargos.

De Lara fixou para o presidente de Monbus, ademais de dirixente do Obradoiro santiagués e un dos máximos accionistas do Pontevedra Club de Fútbol, unha fianza de 20.000 euros que deberá aboar nos próximos cinco días para evitar o seu ingreso en prisión.

López foi detido o pasado venres no marco da Operación Cóndor, na que os axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) detiveron ademais outras nove persoas, cinco delas na provincia de Pontevedra.

Entre os detidos figuraban tamén responsables da axencia de viaxes InterRías, con sede en Sanxenxo, que xa quedaran en liberdade con cargos tras comparecer ante a xuíza.

No caso de Raúl López deberá presentarse no xulgado todos os luns e mércores e non poderá saír de España, polo que se lle retivo o pasaporte, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

A denominada Operación Cóndor investiga delitos contra a facenda pública, branqueo de capitais, falsidade, delito contable, tráfico de influencias e 'cohecho'.