Nos centros educativos de secundaria e FP de Pontevedra o 20% do alumnado declárase bisexual, gay, lesbiana, trans ou cunha identidade LGTBIQ+. O 24,5% destes menores aseguran ter sufrido algunha vez agresións verbais ou físicas pola súa orientación ou identidade sexual e o 20% declara que algunha vez se sentiron excluídos no contexto educativo.
Estes datos, que chaman a atención en pleno ano 2020, son o resultado dunha enquisa sobre diversidade sexual e LGTBIfobia realizada polo departamento de Igualdade no marco do programa municipal Pinto e Maragota. Participaron 893 persoas dos IES A Xunqueira I, A Xunqueira II, Frei Martín Sarmiento, Torrente Ballester, Luis Seoane, Sánchez Cantón e Valle Inclán e dos CIFP A Xunqueira e Carlos Oroza, das que tan só o 4% (35 en total) son profesorado e o resto alumnado.
A concelleira de Igualdade, a socialista Paloma Castro, deu a coñecer os resultados da enquisa este xoves e declarouse "bastante preocupada" pola "gran cantidade de persoas que senten que o instituto non é un lugar seguro". En concreto, un 14% cre que o seu instituto non é un espazo seguro para as persoas LGTBIQ+.
Do 24,5% de persoas que falan de agresións, o 83% dos casos foron agresións verbais (42 casos), o 7% a nivel físico e un 9,5% foron vítimas de ambas. O 45% deles non se atreveu a denunciar. Ademais, un 25% dos enquisados presenciou algunha agresión verbal ou física a persoas LGTBIQ+ e un 35,6% declara ter escoitado falar de feitos similares.
A enquisa, realizada entre os meses de novembro e decembro entre alumnado de entre 11 e 18 anos, deixa datos sorprendentes en pleno século XXI e un deles é que un 60% das persoas do colectivo LGTBI+ non saíu do armario. Segundo explicou Paloma Castro, non o fixeron "por medo a perder as amizades, por temor ao rexeitamento da familia, por vergoña, por medo a sufrir agresións ou porque lles poida afectar ás cualificacións escolares".
En canto á orientación sexual, o 75% das persoas participantes, a gran maioría, declárase heterosexuais, un 15% son bisexuais, un 1,5% di ser gay, outro 1,5 lesbiana e case un 8% non o ten moi claro.
No tocante á identidade de xénero, un 93,5% séntese CIS (identificados co xénero que lles asignaron ao nacer), 10 persoas decláranse trans (non identificados co xénero asignado), 10 non binarias e 8 de xénero fluído.
En total, entre a orientación e a identidade sexual, o 20% dos enquisados pertencen ao colectivo LGTBI+, cifra que Paloma Castro asegura que se terá en conta á hora de elaborar políticas e programas municipais que afonden na formación, sensibilización e dignificación desta parte da poboación. En xeral, os resultados desta enquisa vanse ter en conta de cara á programación de Igualdade para este ano.
A concelleira socialista tamén revelou datos da enquisa que considera "inquedantes" como o feito de que un 9,4% dos participantes cren que a transexualidade é unha enfermidade e un 8,2% pensen que a homosexualidade se pode tratar cunha terapia axeitada. Estas porcentaxes saen de preguntas "trampa" incluídas na enquisa para comprobar os prexuízos que persisten entre as persoas mozas e son, segundo Paloma Castro, "difíciles de asumir nunha sociedade democrática, igualitaria e diversa".
Paloma Castro destaca a altísima participación da poboación estudantil e a baixa participación do profesorado.