Igual que en Ponte Sampaio, a mesma escena repítese en Lérez. De xeito reiterado prodúcense verteduras incontroladas de todo tipo de entullos e lixo á beira do cemiterio parroquial. E, por moito que se retiren, volven a reproducirse.
Iso é o que denuncia a asociación de veciños San Bieito de Lérez, que lamentan esta "situación vergoñenta á que por desgraza xa estamos acostumados", xa que cada pouco tempo no aparcamento do cemiterio á beira da illa de contedores, empeza a aparecer lixo de distinto tipo.
Os entullos están sempre fóra dos contedores e acumulado polas inmediacións.
"Solicitamos un respecto das persoas que, periodicamente, utilizan esta zona da parroquia como vertedoiro de residuos de distinta natureza", subliñan desde a asociación.
Restos de obras, mobles, colchóns, electrodomésticos ou obxectos de gran tamaño que deberían levar aos puntos limpos son algúns dos residuos que botan sen control nesta zona.
A conducta destes cidadáns "incívicos", din desde este colectivo, motivou que se presentaran diferentes escritos no Concello de Pontevedra para que retirase estas verteduras.
Pero os veciños sosteñen que, nalgunha ocasión, ao día seguinte da retirada, "volveron aparecer entullos ou lixo no mesmo sitio".
A asociación recorda que no aparcadoiro hai unha illa de contedores para a recollida e reciclaxe de todo tipo de residuos, "pero non é un lugar habilitado como punto limpo e non se pode depositar todo este tipo de residuos".