Leonor, xa en Marín, incorpórase "con gran ilusión" na Escola Naval esperando "experiencias importantes"

Marín
29 de agosto 2024
Actualizado: 21:25

Baixou do coche como A súa Alteza Real e entrou no edificio de dirección, onde asinou no libro de honra que se incorpora "segura de que aquí terei a oportunidade de aprender moito e compartir moitas experiencias importantes". 17 minutos despois, abandonou o edificio xa convertida nunha alumna máis

A princesa Leonor ingresa na Escola Naval de Marín / Pontevedra Viva

Ás sete en punto, con puntualidade militar segundo o horario anunciado, a Princesa de Asturias chegou á Escola Naval Militar de Marín.

Entrou pola porta de palmeiras e, tras baixarse do coche oficial, soa e de branco impoluto, saudou aos que será os seus superiores nesta nova etapa, o comandante director da Escola, capitán de navío Pedro Cardona; os xefes de servizo; e o que será o seu titor, o comandante da terceira brigada de gardamarinas de primeiro Erik Hellman Muñoz.

Saudounos un a un e, logo, cun sorriso, tamén á prensa. Esperáballe unha nube de xornalistas, con 60 medios de comunicación acreditados para retratar o momento histórico e a Leonor, por primeira vez, co seu traxe de gardamarina de primeiro. 

Baixou do coche e saudounos como A Súa Alteza Real e entrou no edificio de dirección da Escola Naval, onde asinou no libro de honra como Princesa de Asturias.

"Hoy me incorporo, con gran ilusión, a esta Escuela Naval Militar para continuar con mi formación castrense", deixou escrito, para engadir "estoy segura de que aquí tendré la oportunidad de aprender mucho y compartir muchas experiencias importantes junto a mis compañeros de promoción"

E, 17 minutos despois, abandonou o edifico xa non como Princesa de Asturias, senón como a gardamarina de primeiro Leonor, alumna de terceiro da 427 Promoción do Corpo Xeral da Armada. As honras cos que fora recibida quedaron atrás e pasou a ser unha máis das 77 alumnas e alumnos de terceiro, nove delas mozas. 

Espérana catro meses neste centro tan vinculado ao seu pai e ao seu avó e, a partir de xaneiro, continuará a súa instrución a bordo do buque escola da Armada, o Juan Sebastián de Elcano.

No 16 de xullo puidera coñecer o centro ao participar, xunto aos seus pais, os reis Felipe VI e Letizia, na xura de bandeira dos oficiais e a entrega de Reais Despachos aos alumnos que reciben o emprego de gardamarinas. Pero non foi ata este xoves que pasou a converterse na súa academia. E na súa casa.

O primeiro que fixo, xa como alumna, foi cambiarse. Chegara co uniforme de diario da Armada modalidade B (de verán), o que será o seu traxe de diario de gardamarina, aínda que nesta ocasión acompañado con guante branco, o que o converte en uniforme de especial relevancia. Xa no seu rol de estudante, pasouse ao uniforme de réxime interior ou traballo, camisa branca e pantalón azul. 

Acompañada polo comandante de brigada Erik Hellman Muñoz, percorreu o espigón, as embarcacións de instrución e o patio de aulas, todo en presenza da prensa. Ás oito da tarde, unha hora despois, a visita dos medios de comunicación deuse por concluída e ela empezou xa oficialmente, e afastada dos flashes, a súa nova etapa formativa.  

COÑECE AQUÍ COMO SERÁ O SEU DÍA A DÍA.