Lectura, películas e exposicións axudarán a traballar co alumnado de Marín contra a violencia de xénero

Marín
11 de novembro 2020

O traballo cos centros educativos será este ano un dos eixos fundamentais de traballo da Concellería de Benestar Social de Marín de cara á conmemoración do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), ofrece aos colexios actividades adaptadas a diversas etapas educativas 

Reunión de Marián Sanmartín e Manuel Santos con responsables do CIM
Reunión de Marián Sanmartín e Manuel Santos con responsables do CIM / Concello de Marín

O traballo cos centros educativos será este ano un dos eixos fundamentais de traballo da Concellería de Benestar Social de Marín de cara á conmemoración do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), ofrece aos colexios actividades adaptadas a diversas etapas educativas.

Desde o CIM ofrecen actividades para que o persoal docente poida levar a cabo nas aulas co alumnado de educación infantil, primaria, bacharelato e ciclos.

Para educación infantil a proposta do CIM é 'A Caixa máxica de Igualandia', unha actividade de iniciación á lectura utilizando como fío condutor os contos infantís en valores de igualdade e contra a violencia de xénero que dan nome á actividade.

A boneca protagonista da historia foi fabricada artesanalmente por unha muller vítima de violencia de xénero marinense chamada Alma. Ao non poder facilitar a boneca a cada centro, achegarase un cartafol da campaña para cada clase de Educación Infantil e unha lámina para colorear un corazón. 

Pensando no alumnado das etapas de educación primaria, a proposta é 'Un pensamento contra a violencia de xénero', unha actividade que ten como finalidade a creación de mensaxes/debuxos contra a violencia de xénero en positivo. Estas mensaxes escribiranse ou debuxaranse nun adhesivo que será facilitado polo Concello. 

Ademais, pensando en primaria, bacharelato e ciclos organizarase unha mostra que conta coa participación de mulleres vítimas de violencia de xénero marinenses que facilitaron a súa imaxe para loitar contra esta terrible lacra e tamén se lles repartirán os bolígrafos coa bandeira da diversidade. Trátase da exposición de arte fotográfica Cadeas Rotas.

Para estes niveis educativos tamén se facilita a película subtitulada en español En el tiempo de las mariposascedida ao CIM polo seu director, Mariano Barroso, para que os centros educativos de Marín usen o seu contido na prevención e sensibilización contra a violencia de xénero; e farase chegar aos centros unha carta aberta á liberdade escrita por unha rapaza vítima de violencia de xénero vinculada ao CIM de Marín. Supón un relato da súa experiencia vital co que se traballará nas clases.