Posta en común das leccións aprendidas da DANA para poder mellorar

Pontevedra
02 de decembro 2024

A Delegación territorial da Xunta en Pontevedra acolleu este luns unha reunión cos grupos operativos pontevedreses que actuaron fronte á catástrofe

Reunión dos representantes dos 18 grupos operativos que se desprazaron a Valencia
Reunión dos representantes dos 18 grupos operativos que se desprazaron a Valencia / Mónica Patxot

Recentemente cumprido un mes das inundacións causadas pola DANA de Valencia, que arrasaron máis de 70 municipios e provocaron a morte de máis de 220 persoas, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, mantivo este luns unha reunión cos grupos operativos pontevedreses que actuaron fronte á catástrofe.

Un dos obxectivos deste encontro, que tivo lugar no edificio administrativo da Xunta, foi "pór en común aquelas leccións aprendidas para sacar conclusións e poder mellorar", segundo explicou o subdiretor de Planificación e Protección Civil, José Antonio Grandas.

"Ningunha comunidade está exenta de que poda ocorrer unha catástrofe, especialmente aquelas catástrofes medioambientais" apunta José Antonio Grandas. "Neste momento o cambio climático non é só un incremento da temperatura, senón fenómenos cada vez máis extremos e complexos".

En total foron 80 os profesionais que acudiron de maneira voluntaria a axudar en Valencia coordinados con técnicos de emerxencias da Xunta. Bombeiros dos parques municipais de Pontevedra e de Vigo, do Consorcio provincial, persoal dos grupos de emerxencias supramunicipais da Estrada e de Mos, dos servizos de Protección Civil de Cambados, Vilagarcía, Tui, Moraña-Cuntis-Portas, O Rosal, Valga, Cangas e Caldas de Reis.

A todos eles Agustín Reguera agradeceulles "todo o traballo que fixeron de forma altruísta" e destacou que "temos uns profesionais que están ao mellor nivel das emerxencias de España".

Reunión dos representantes dos 18 grupos operativos que se desprazaron a Valencia
Reunión dos representantes dos 18 grupos operativos que se desprazaron a ValenciaMónica Patxot

José Antonio Grandas explicou que todo o persoal pontevedrés púxose a disposición dos centros de coordinación operativa e os postos de mando habilitados en Valencia integrándose nos seus dispositivos "para levar a cabo aquelas accións que nos ían solicitando".

Asumiron múltiples tarefas, "desde achiques tanto de augas limpas como de augas sucias, e mesmo de lodos, limpeza de rúas, retirada de enseres, de mobiliario urbano que quedou esnaquizado, de vehículos, labores de apertura de ocos para entrar en vivendas ou en sotos", entre outras.

Estes voluntarios recoñecen que axudar "ten unha parte gratificante e unha parte dura", porque "ves, por unha banda, o mellor: que é a parte humana na colaboración, na axuda aos veciños, pero, persoalmente, é un desgaste importante".