Leborei estreará o luns a sinalización que restrinxe o tráfico entre as casas

Pontevedra
02 de xullo 2022

A veciñanza reclamou a toma de medidas por mor da enorme cantidade de vehículos que atravesaban este núcleo rural para cruzar entre as estradas PO-531 e N-550 e os problemas ocasionados cando ían camións e quedaban atascados entre as vivendas

Xuntanza para resolver os problemas de tráfico en Leborei (Cerponzóns)
Xuntanza para resolver os problemas de tráfico en Leborei (Cerponzóns) / Concello de Pontevedra

Este vindeiro luns 4 de xullo o lugar de Leborei, en Cerponzóns, estreará a nova sinalización instalada polo Concello para facer oficiais as restricións e limitacións ao tráfico de paso na zona que se porán en marcha para evitar os frecuentes incidentes relacionados coa circulación que se rexistraron nos últimos tempos. 

A veciñanza reclamou a toma de medidas por mor da enorme cantidade de vehículos que atravesaban este núcleo rural para cruzar entre as estradas PO-531 e N-550 e os problemas ocasionados cando ían camións e quedaban atascados entre as vivendas. 

A demanda mesmo foi abordada nunha reunión entre o Concello, a Axencia Galega de Infraestruturas, a Dirección Xeral de Tráfico e a Garda Civil e agora póñense en marcha as primeiras medidas. 

A sinalización acordada coa veciñanza de Leborei quedará instalada este luns e ten como obxectivo informar de que se restrinxe o tráfico rodado na zona, quedando en exclusiva para residentes e servizos.

Estas limitacións, amais da aprobación veciñal, contan co visto bo das diferentes administracións. O concelleiro do rural, Alberto Oubiña, confía en que a situación no lugar mellore, se ben lembra que "non é competencia do Concello a vixilancia como tal e o control na zona".

Ademais, sinala que esta sinalización é "un parcheo a un problema evidente, con camións atascados e cun tráfico de paso demasiado excesivo" e que a solución definitiva non é esa, senón a construción da Variante de Alba para evitar o tráfico de paso que causa problemas á veciñanza.

Desde o Concello insisten en que "seguimos e seguiremos reclamándolle á Xunta a construción da variante de Alba, pois esa actuación será a que de verdade veña a solucionar os problemas de conexión entre a estrada de Santiago e a estrada de Vilagarcía".