Lanzan unha Iniciativa Lexislativa Popular para pedir á Xunta investimentos no hospital de Montecelo

Pontevedra
21 de abril 2016

A proposta avanzada este mércores polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña de retomar a proposta de ampliación de Montecelo non xera confianza entre os membros da Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública

Rolda de prensa da Plataforma SOS Sanidade Pública
Rolda de prensa da Plataforma SOS Sanidade Pública / PontevedraViva

A proposta avanzada este mércores polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, de retomar a proposta de ampliación de Montecelo xera desconfianza entre os membros da Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública.

O propio alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou que o crerá "cando se aproben as partidas orzamentarias" para esta área sanitaria norte de Pontevedra. Lores lembrou que este anuncio faise nun momento preelectoral con dúas citas coas urnas para as xerais e as autonómicas.

O "problema" de vir cun proxecto arquitectónico completamente novo ampliando Montecelo con novas instalacións nos terreos adxacentes é "vir con cartos, porque se non hai pasta por moito proxecto que haxa é fume no vento", engadiu o portavoz do grupo municipal socialista Agustín Fernández.

En este mesmo sentido tamén se pronunciou o portavoz de Marea, Luís Rei. Todos eles destacaron o tempo que se perdeu desde que se expuxo por parte do bipartito no ano 2008 a ampliación do hospital Montecelo, pasando polo proxecto do PP para Monte Carrasco en decembro de 2010, por iso agora desde esta Plataforma SOS Sanidade non se fían, e entenden como "fundamental" que a Xunta saiba "que é o que quere a cidadanía".

Neste sentido, SOS Sanidade lanza unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para pedir á Xunta investimentos no hospital de Montecelo.

Nos próximos días empezará a recollida de firmas para que o Parlamentro inste o goberno galego a poñer en marcha "con carácter urxente", os trámites legais e orzamentarios necesarios para "culminar o proceso de construción dun Hospital Único en Pontevedra", que integre os servizos hospitalarios actualmente diseminados en dous edificios, ampliando o actual hospital Montecelo e "dotándoo dos recursos que corresponden a unha área de 300.000 habitantes".

Ademais esixen que se manteña o uso sanitario do edificio do Hospital Provincial, para reunicar no mesmo algúns dos servizos sanitarios existentes e outros de nova creación que necesita a área. Entre outros, citaron unha unidade de saúde mental comunitaria, un servizo de urxencias extrahospitalario, un novo centro de atención primaria, un servizo de rehabilitación extrahospitalario, un centro de orientación familiar, un centro de atención integral a drogodependentes, camas para atención de enfermos crónicos e hospital de día para persoas dependentes.

Finalmente, esta ILP tamén reclama a dotación de recursos do Hospital do Salnés, e a coordinacion co Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra para proporcionar unha asistencia de saúde integral de acordo ás necesidades da súa poboación.

Arquivado en