Lanzan en Pontevedra 'O salmón oval', unha revista sobre rugby editada en galego

Pontevedra
14 de abril 2015

Esta revista, que terá carácter mensual, está editada por Isaac Xubín. "Sacaremos tres números ata xuño", explicou na rolda de prensa celebrada no Concello de Pontevedra. Distribuirana os dous equipos da cidade, Mareantes e Pontevedra Rugby Club, e estará tamén dispoñible en varios establecementos que patrocinan a súa publicación

Presentación da revista sobre rubgy "O salmón oval"
Presentación da revista sobre rubgy "O salmón oval" / PontevedraViva

O rubgy é algo máis que un deporte. ÿ case unha filosofía de vida onde prima o respecto, a actitude, o compañeirismo, a lealdade ou o compromiso. Todos eses valores difundiranse, a partir de agora, a través de 'O salmón oval'. Trátase dunha revista sobre rugby editada na cidade de Pontevedra e que empregará o idioma galego para normalizar o seu uso nesta disciplina deportiva.

Esta revista, que terá carácter mensual, está editada por Isaac Xubín. "Sacaremos tres números ata xuño", explicou na rolda de prensa celebrada no Concello de Pontevedra. Distribuirana os dous equipos da cidade, Mareantes e Pontevedra Rugby Club, e estará tamén dispoñible en varios establecementos que patrocinan a súa publicación.

Recollerá, mediante reportaxes, entrevistas e artigos de opinión, a actualidade que xeren ambos os dous equipos, pero pretenden que sirva tamén como "voceiro" de todas as actividades que se realicen "máis aló do partido", segundo Isaac Xubín.

O primeiro número, que se presentou este martes, analiza o mítico torneo 6 Nacións e inclúe, entre outros contidos, unha entrevista co presidente da Federación Galega de Rugby, Nacho Cociña.

Pola súa banda, o concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, celebrou a "gran calidade" literaria e técnica desta nova revista, que virá acompañada no seu obxectivo por "difundir o rugby e dinamizar a nosa língua nese ámbito" por dous obradoiros que se celebrarán no campo de rugby de Monte Porreiro, que comparten os dous equipos da cidade.

O obradoiro do vindeiro sábado, "Quen entende o rugby?", estará impartido polo ex-xogador de rugby Borja Tosar. Está dirixido a aquelas persoas que queren coñecer máis de cerca o funcionamento do rugby (porque van a partidos e non comprenden moi ben as regras). Realizarase unha introdución ao regulamento básico do rugby, ás normas, á historia e ao vocabulario básico preciso para poder comprender e explicar este deporte.

O sábado 25 de abril terá lugar o obradoiro para seareiros e para animar no terceiro tempo "Rugby-regueifas". Impartirán o curso os grandes regueifeiros Pinto d'Herbón e Luis Caruncho e está dirixido a todas aquelas persoas que queren animar aos seus equipos no campo, a xogadores que queren ter outro tipo de cancións e rimas para animar durante os partidos, no descanso entre tempos dos partidos e mais para o terceiro tempo.

Os obradoiros son de balde e as prazas son limitadas, polo que é necesario inscribirse neste formulario.