A Lanzada arrinca a primavera con melloras no areal

Sanxenxo
26 de marzo 2025

A Concellaría de Turismo e Praias acometeu unha serie de melloras no valado da Lanzada e nun dos seus accesos

Traballos de mellora nun dos accesos á praia da Lanzada
Traballos de mellora nun dos accesos á praia da Lanzada / Concello de Sanxenxo

Coincidindo co inicio da primavera, a praia da Lanzada ponse a punto.

A Concellaría de Turismo e Praias de Sanxenxo acometeu nos últimos días unha serie de melloras no valado da Lanzada e nun dos seus accesos.

En concreto, explica o goberno local, renováronse tres tramos do valado no acceso á ermida ao longo de 295 metros lineais.

Ademais estase a mellorar un dos accesos ao areal cun tratamento da superficie da rampla de 190 m2 cunha capa de 20 centímetros de zahorra.

Preténdese garantir a durabilidade da actuación instalando un bordo de madeira e cunetas a ambos os dous lados para garantir a evacuación de augas.

Estas actuacións teñen un custo de 36.170 euros, aínda que serán financiados cunha axuda autonómica de Rede Natura.

Doutra banda a Concellaría de Turismo e Praias explica que se están a forrar de aluminio os baños da Lanzada pero tamén das praias de Bascuas, Caneliñas, Paxariñas e Major, que presentaban problemas de oxidación, e estase mellorando a accesibilidade das entradas aos módulos de salvamento.

Tamén se renovou toda a cartelaría dos sendeiros azuis.

Estas actuacións súmanse á realizada na praia de Areas coa renovación de 150 metros da pasarela e á limpeza que se está a realizar nas marxes do río Pintillón, na parte da súa desembocadura.