Lantaño celebrará a súa tradicional romería de San Benito con misas, procesión e verbena

Umia
17 de marzo 2025

A partir das 8 da mañá do día 21, haberá misas cada hora e pola noite a verbena correrá a cargo da orquestra Capitol e o Dj Pablo Grande

Celebración do San Benito de Lantaño
Celebración do San Benito de Lantaño / Concello de Portas

O alcalde de Portas, Ricardo Martínez; a concelleira de Cultura, Ana Peña; e membros da Comisión de Festas de San Benito de Lantaño presentaron o programa festivo e relixioso que terá lugar o venres 21 de marzo na honra deste santo moi popular e miragreiro. Conta con gran cantidade de devotos, que neste día achéganse ata esta parroquia de Portas.

Así, a partir das 8 da mañá do venres 21 haberá misas cada hora pola mañá e tamén ás 18, 19 e 20 horas pola tarde. A misa solemne cantada polo Coro Parroquial de Briallos terá lugar ás 13 horas seguida de procesión e gran tirada de fogos de artificio.

Previamente, partir das 10 horas da mañá terá lugar o pasarrúas e a actuación da Banda de Música Unión de Lantaño que amenizará a xornada e acompañará aos devotos de San Benito na procesion.

A Comisión de Festas informa á veciñanza e tamén aos devotos de San Benito que se acheguen ata Lantaño que se admiten ofrendas ou donativos para o santo para poxar posteriormente entre os asistentes a esta xornada.

A partir das 16 horas, a Comisión de Festas ofrecerá para os máis cativos e de balde xogos inchables da man de Skandal Dj que amenizará a xornada vespertina destes festexos.

Pola noite, a Comisión de Festas ten previsto comezar a verbena ás 21:30 horas e correrá a cargo da coñecida orquestra Capitol que contará co Dj Pablo Grande para prolongar os momentos de festa e baile.

Presentación do cartel das festas de San Benito de Lantaño
Presentación do cartel das festas de San Benito de Lantaño     Concello de Portas

Os membros da Comisión de Festas agradecen a colaboración do Concello de Portas, á Deputación de Pontevedra que aporta unha subvención a traves do plan Culturea, aos establecementos comerciais que axudan económicamente á organización e tamén á Comunidade de Montes de Lantaño e a Protección Civil de Portas.

O alcalde, Ricardo Martínez, agradeceu aos membros da Comisión de Festas o traballo que realizan e o seu esforzo para que se manteñan vivas as tradicións populares en Lantaño e ofreceu toda a colaboración do Concello para que estas festas sigan sendo unha celebración de referencia en toda a contorna.