A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia (CESM) volveu a alertar da situación que se vive no servizo de Urxencias do Hospital Montecelo.
No último "parte de guerra" deste venres día 15 de xullo, este sindicato médico apunta que ás 15 horas de de onte xoves "quedaban 27 pacientes ingresados en Urxencias pendentes de cama. E encima como sempre a esta hora, quedamos sen padiolas!". Ás 21 horas xa só quedaban 21 pacientes ingresados en Urxencias pendentes de cama.
Na xornada de hoxe venres, ás 9 horas "quedan 23 pacientes ingresados en Urxencias, un deles Covid".
Unha vez máis insisten desde o CESM que "non se presenta nada ben esta fin de semana do Carmen".
Na última reunión de Comisión de centro de Atención Especializada da Xunta de Persoal, "a directora asistencial comunicounos que no canto de facer o peche da planta de cirurxía impar en Montecelo farán peche da planta de Medicina 1 no Provincial, alegaron que as habitacións son mellores e ademais evítanse o traslado no ingreso desde urxencias de Montecelo a M1 no Provincial. Pero o problema é que perdemos 5 habitacións con este cambio".
"É dicir que esta xerencia segue no propósito de pechar camas o que queda de verán", alerta o CESM en referencia ás seguintes plantas: M1 (32 camas) e M3 (32 camas) no Hospital Provincial e traumatoloxía impar (28 camas) en Montecelo, ademais da planta de lactantes (9 camas) no Provincial que leva pechada desde o inicio do Covid. A isto hai que engadir as 24 camas pechadas no Hospital comarcal do Salnés, o que suma un total 125 camas na área sanitaria.
Por último este sindicato médico lembra que este peche de camas hospitalarias proponse cando "o número de pacientes Covid ingresados que día a día aumenta, rozando as cifras da segunda onda da pandemia", ao que hai que engadir a presión asistencial dos veraneantes e "o colapso da Atención Primaria onde non hai profesionais suficientes".
"SITUACIÓN LÍMITE DAS ENFERMEIRAS DE URXENCIAS"
Por outra banda, o sindicato de enfermería, SATSE en Pontevedra asegura estar "moi preocupado" pola situación que viven as enfermeiras de Urxencias do Hospital Montecelo.
Apuntan que "a sobrecarga habitual que están a asumir estas profesionais é inasumible, sendo os pacientes quen sofre as consecuencias dunha mala xestión dun servizo básico cuxos problemas deberían estár máis que superados".
Na situación actual, SATSE advirte que hai pacientes sen cama máis de 24 horas en Urxencias.