O alcalde da Lama, David Carrera, presentou os actos conmemorativos do centenario da construción do consistorio lamense que terán lugar o vindeiro domingo 15 de decembro.
O evento comezará ás 11 da mañá cunha conferencia a cargo do historiador e divulgador pontevedrés José Benito García quen centrará a súa intervención facendo referencia á Lama de hai 100 anos.
Estará tamén o arquitecto modernista Antonio López Hernández, autor do proxecto construtivo da casa consistorial e destacado membro do movemento coñecido como "Art-Nouveau Coruña".
Este arquitecto é autor dos proxectos de edificios tan emblemáticos da Coruña como A Terraza, Casa Salorio, Casa Arambillet ou Casa Gradaílle. En Pontevedra deseñou o quiosco de prensa Enrique Paredes, a Casa Sanz Díaz ou a decoración da Casa da Confraría da Peregrina.
Unha vez rematada a conferencia, o alcalde David Carrera imporá aos concelleiros das distintas corporacións municipais do período democrático unha insignia do Concello da Lama que servirá de homenaxe e agradecemento polos servizos prestados á veciñanza.
Rematará o acto co descubrimento, na fachada do edificio, dunha placa conmemorativa do centenario acompañados pola Banda de Música Municipal da Lama que amenizará tamén un ágape que será servido nos baixos do consistorio.
David Carrera sinalou que este acto conmemorativo servirá tamén para homenaxear e reivindicar a todas e cada unha das persoas que nun período das súas vidas decidiron dedicarlle parte do seu tempo, do seu coñecemento e do seu traballo ao servizo público ocupando postos de representación popular.