O Parque de Cotorredondo, unha das principais xoias naturais de Marín, prepárase para unha importante transformación grazas ao Plan de Sostibilidade Turística financiado con fondos europeos.
Entre as actuacións máis destacadas figura a recuperación dun miradoiro que ofrecerá unha espectacular panorámica da ría de Pontevedra.
Os concelleiros de Medioambiente, Marián Sanmartín, e de Urbanismo, Manuel Santos, mantiveron un encontro esta semana co presidente da comunidade de montes de Santomé de Piñeiro, Daniel Rosales, para abordar os novos proxectos.
Na xuntanza tamén participou persoal técnico da empresa encargada da redacción do proxecto.
O plan contempla varias actuacións complementarias: a mellora da sinalización patrimonial da Mámoa Chan de Castiñeiras, a optimización dos accesos á zona e a creación de novos carreiros para facilitar a conectividade entre as distintas áreas do parque.

Ademais, estase a redactar un proxecto específico para dotar á zona de rutas BTT e cicloturismo, pensados especialmente para o público familiar. Esta iniciativa busca promover unha mobilidade sostible e potenciar o turismo activo e de aventura, conectando o Ecoparque co centro urbano e as praias.
Estas novas actuacións, segundo indican desde o Concello, súmanse á recente renovación da sinalización turística do lago e aos traballos de mantemento continuo que se realizan no parque.
A Fundación Juan XXIII tamén desenvolve os seus propios proxectos nas instalacións que xestiona na zona.
