Ladridos no Grove para mellorar a lectura entre escolares

O Salnés
15 de xaneiro 2015

Trátase dunha actividade que vai desenvolverse durante tres sábados na Biblioteca Municipal do Grove e na que participan un total de 25 escolares

Programa de lectura con cans
Programa de lectura con cans / Concello do Grove

Un grupo de oito nenos será o encargado de inaugurar este sábado 17 un taller de lectura con cans, grazas a unha iniciativa que desenvolve a Concellaría de Educación do Grove, a través do Programa READ España. Trátase dunha iniciativa asistida e educativa na que os nenos lerán en compañía dunha cadela de raza labrador coñecida como Guinda.

Durante tres sábados, 25 alumnos da actividade extraescolar 'Coñecendo e gozando da biblioteca' terán a oportunidade de participar nesta iniciativa que se divide en tres grupos.

Guinda será a encargada de corrixir os nenos cando se equivocan na narración e sinálalles que poden seguir cando se paran con leves toques coa pata. Os nenos, ademais de ler, terán que explicar á cadela determinadas palabras que non entende.

A lectura realizarase no chan e mentres esperan a súa quenda realizarán actividades de lectura e escritura sobre temática canina coa persoa do equipo de apoio.

Trátase dun programa pioneiro en España, que chegou a Galicia en outubro e O Grove é un dos primeiros concellos que experimenta con esta proposta. Os nenos participantes aumentan, con esta iniciativa, a motivación á lectura, incrementan a autoestima, a seguridade e melloran a fluidez e comprensión lectora, entre outras habilidades.