La 2 de Televisión Española emite este xoves o documental "¿Qué pasó en el Pitanxo?"
Será ás 21.50 horas no programa "En Portada", de Lorenzo Milá, que comeza a nova tempada con esta reportaxe especial sobre o naufraxio do arrastreiro galego que agora investiga a Audiencia Nacional e no que morreron 21 tripulantes e só houbo tres sobreviventes.
A portavoz das familias, María José de Pazo destacou que este é o primeiro documental que se emite en España desta gran traxedia.
O "Villa de Pitanxo" afundiuse o 15 de febreiro de 2022 en augas de Terranova. Faleceron 21 dos 24 tripulantes e tan só puidéronse recuperar nove cadáveres.
Esta reportaxe dos xornalistas Xaquín López e Teresa Mora gravouse en Galicia e tamén en Terranova onde falaron cos pilotos dos helicópteros e as patrulleiras que participaron nos labores dun rescate en condicións extremas. Protagonista destacado é a arrastreiro 'Playa Menduiña Dos', que foi o primeiro barco en chegar á zona do naufraxio e os seus tripulantes rescataron aos tres sobreviventes.
A Audiencia Nacional investiga ao patrón do Pitanxo por un presunto delito de 21 homicidios imprudentes. Hai dúas posturas enfrontadas nas declaracións xudiciais dos sobreviventes, que se ofrecen no documental. Por unha banda, o patrón do barco e un sobriño seu, achacan o sinistro á parada do motor en metade dunha tormenta. Un terceiro mariñeiro culpa do naufraxio a unha decisión do patrón do barco.
Despois dunha longa reivindicación das familias das vítimas, o goberno financiou a inmersión dun robot submarino para gravar o pecio no fondo do mar. O documental mostra imaxes en exclusiva do Pitanxo afundido a 750 metros de profundidade.