Néstor Kohan, Márcia Tiburi e streamers tratarán o nihilismo actual na Semana Galega de Filosofía

Pontevedra
12 de marzo 2025

A cita filosófica volverá celebrarse no Teatro Principal de Pontevedra entre o luns 21 e o venres 25 de abril coa intención de combater o estado social e individual de desacougo de boa parte da sociedade

Eva Mouriño, Miguel Anxo Fernández Lores e Alexandre Cendón presentan a Semana Galega de Filosofía
Eva Mouriño, Miguel Anxo Fernández Lores e Alexandre Cendón presentan a Semana Galega de Filosofía / PontevedraViva

A programación da 41 Semana Galega de Filosofía, organizada pola Aula Castelao de Filosofía vai centrarse este ano sobre a doutrina que estuda a falta de sentido das cousas en relación á sociedade actual.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado pola secretaria da Aula Eva Mouriño e o presidente Alexandre Cendón avanzaron algúns dos aspectos dos contidos deste evento que se celebrará desde o luns 21 ao venres 25 de abril no Teatro Principal de Pontevedra.

A edición deste ano estará dedicada á "Filosofía e nihilismo", unha temática escollida para "constatar e denunciar este estado de desánimo social e individual de desacougo e falta de horizontes que percibimos que está instalado nunha boa parte da sociedade", segundo explicou Alexandre Cendón, quen engadiu que o obxectivo é "combatelo, non apoialo".

O programa contará con quince relatores internacionais de alto nivel. Entre as figuras destacadas atópanse Néstor Kohan, profesor da Universidade de Bos Aires, que falará sobre a perspectiva política en Latinoamérica.

Outra das conferenciantes máis destacadas será Márcia Tiburi, escritora e filósofa brasileira exiliada en París durante o goberno de Jair Messias Bolsonaro, autora de "Como dialogar cun fascista", quen abordará o tema do ridículo político.

Ademais, o programa incluirá conferencias sobre o malestar psicolóxico actual e o uso de fármacos como resposta a esta situación.

As xornadas estrutúranse en tres bloques: as mañás terán unha carga filosófica máis profunda; as tardes estarán dedicadas a Galicia; e as noites orientaranse cara un público máis xeral cun enfoque pedagóxico. 

Tanto a organización como o alcalde de Pontevedra fixeron fincapé na importancia da presencialidade do evento. "Facer unha actividade presencial é máis enriquecedora e participativa", destacou o rexedor, quen agradeceu á Aula Castelao por "poñer a Pontevedra no mapa da filosofía mundial".

Un dos principais retos que afronta a organización é a renovación e captación de público máis novo. "Levamos moitos anos de Semana Galega e hai unha necesidade de renovación", sinalaron para destacar que co obxectivo de chegar a un público máis novo nesta edición dentro do programa van incorporarse streamers que tratan a filosofía nas súas canles.

A Semana Galega de Filosofía, que se vén celebrando desde 1984, caracterízase por ser un congreso aberto á cidadanía, "non cinxido ao académico", e impulsado "desde o compromiso e o desinterese persoal, sen estar marcado por un interese económico nin académico, senón social e ético" explicou Cendón invitando a participar nesta nova edición.