O ilustrador Kiko da Silva anunciou que doará 4.992 euros ao grupo de Xenes e Enfermidade do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela. Este equipo, que está encabezado polo doutor José Manuel Castro Tubío, realizou importantes avances ao descubrir que as primeiras mutacións que orixinan o cancro poden xurdir décadas antes de ser localizadas. Este importante descubrimento abre a opción de que se poidan adoptar medidas preventivas se se continúa investigando nesta liña.
Na poxa que o creativo realizou na internet realizáronse 150 poxas ata que unha persoa pontevedresa, que quixo manterse no anonimato, adquiría o cartel orixinal do Entroido pontevedrés deste ano por 522 euros. A esta cifra sumaranse os 4.400 euros que cobrará Kiko da Silva do Concello de Pontevedra pola realización deste traballo despois da polémica con motivo da petición do PP de que se convoque un concurso público para realizar este cartel.
O autor anunciou tamén a adopción de medidas legais #ante as declaracións do portavoz do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, sinalando que se adxudicou "a dedo" a realización do cartel do Entroido pontevedrés e vinculaba esta decisión ao feito de que Kiko da Silva formase parte das listas do BNG ao Congreso dos Deputados.
Domínguez volveu insistir nas súas críticas, con un novo comunicado, preguntándose que diría o BNG se el fose alcalde e lle concedera o cartel do Entroido ao número 4 das listas do PP. Apunta tamén que a reiteración de contratos menores "podería vulnerar a lei pública", ao ser "unha contratación recorrente desde 2008" e manifesta que se o asunto remata nos tribunais de Xustiza vai declarar esta situación ante o xuíz e que o fará "con gusto".