Karlotta ameaza con estragar o Entroido

Pontevedra
07 de febreiro 2024
Actualizado: 16:44

Este mércores chega a Galicia unha borrasca atlántica e para mañá xoves espérase a un profundo ciclón bautizado co nome de ‘Karlotta’ que activou alertas de nivel laranxa e amarelo pola intensidade do vento e polas acumulacións de choiva ameazando con estragar o inicio do Entroido

Imaxe de satélite / MeteoGalicia

Este mércores chega a Galicia unha borrasca atlántica e para mañá xoves espérase a un profundo ciclón bautizado co nome de ‘Karlotta’ que activou alertas de nivel laranxa e amarelo pola intensidade do vento e polas acumulacións de choiva ameazando con estragar o inicio do Entroido.

Segundo a predición de Meteogalicia para este mércores "o achegamento dunha profunda borrasca polo noroeste deixa ventos fortes do sur no litoral".

A previsión da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) apunta que haberá fortes refachos de vento, de ata 90 quilómetros por hora en zonas de Galicia e activan os avisos na Coruña por refachos de vento e fenómenos costeiros, en Lugo por vento, mentres que en Pontevedra só farano por fenómenos costeiros. 

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar para esta madrugada aalerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra, por vento en terra con refachos moi fortes en zonas da provincia coruñesa e na Mariña lucense, e por choiva no oeste e suroeste da Coruña.

Así, aínda que a última hora deste mércores xa se esperan os primeiros efectos da borrasca, será este xoves día 8 cando chega Karlotta, que enviará unha fronte fría moi activo. 

Para esta xornada do xoves, as alertas afectarán a case todo o territorio. Serán de nivel laranxa por ventos fortes na Mariña, na montaña lucense e na ourensá; e en toda a costa por mar de vento. No resto do territorio, excepto no interior de Ourense, haberá avisos amarelos por vento e por acumulacións de choiva.

O venres continuará a inestabilidade atmosférica con intervalos nubrados con chuvascos, localmente tormentosos, pero ademais, as previsións engaden que estas precipitacións poderían ser en forma de neve nas zonas máis altas de Galicia. 

Arquivado en