Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, visitaba este mércores as instalacións da Asociación e Fundación Lareira prol saúde mental en Vilagarcía de Arousa.
Esta organización leva trinta anos realizando actividades dirixidas á integración de pogramas residenciais, con atención especializada a adolescentes con problemática psiquiátrica na comarca do Salnés.
Desde a Xunta, indicou o conselleiro, celébrase a existencia destas asociacións e garantiu que o executivo galego continuará colaborando con elas coa intención de seguir formando parte das accións que emprende a Fundación Lareira a través dos seus programas. Anunciou que neste mes de xaneiro, o executivo galego aprobará unha nova convocatoria de axudas destinadas ás asociacións cun orzamento de máis de 1,2 millóns de euros e animou ás entidades como Lareira prol saúde mental a que presenten os seus proxectos.
Estas axudas da consellería permiten adquirir equipamento destinado a cursos formativos e tamén na mellora da calidade de vida no domicilio ou en accións destinadas a previr condutas suicidas en menores.
Entre outros programas, García Comesaña destacou a iniciativa pioneira de 'Vixilantes de Axuda' ou a de 'Un Hacker no meu cerebro', promovidas por este colectivo. O conselleiro lembrou que o coidado da saúde mental é responsabilidade de todos, tanto de administracións, profesionais, asociacións como da sociedade civil.
Durante a visita, o conselleiro estivo acompañado por Jorge Aboal, director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas; José Flores, xerente da área sanitaria; e Encarnación Lucas, directora do distrito sanitario do Salnés.