Juan Manuel Rey anuncia que deixará a Alcaldía de Caldas de Reis nas próximas semanas

Umia
16 de decembro 2024

A previsión é que no próximo pleno municipal se faga efectiva a dimisión e a renuncia á súa acta na corporación. Fixo este anuncio no día no que cumpre 18 anos á fronte do Concello de Caldas

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey / Concello de Caldas de Reis

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey anunciou a súa intención de deixar a Alcaldía nas próximas semanas.

O rexedor fixo este anuncio este luns 16 de decembro, día no que cumpre 18 anos á fronte do Concello de Caldas. Foi durante unha charla co xornalista Eloy Magariños en Radio Arosa.

A executiva provincial do Partido Socialista abordará a renuncia de Juan Manuel Rey na súa próxima reunión.

A previsión é que no próximo pleno municipal se faga efectiva a dimisión e tamén a renuncia de José Manuel Rey á súa acta de concelleiro na corporación.

A marcha do alcalde non sorprende aos caldenses pois Juan Manuel Rey xa adiantara a súa intención o pasado mes de outubro durante a celebración dos 45 anos de gobernos socialistas na vila termal.

De feito nos últimos tempos o alcalde foi cedendo protagonismo ao seu número dous, Jacobo Pérez Gulín que é o segundo tenente de alcalde e edil de Obras, Facenda e Emprego.

Espérase que Jacobo Pérez asuma a Alcaldía.