Cambio de caras no BNG de Marín. O ata agora concelleiro José Souto anunciou a súa decisión de renunciar ao seu cargo por motivos persoais e, ante a súa marcha, toma a substitución Davinia Lojo Amoedo.
José Souto foi concelleiro durante o último ano e, agora que tomou a decisión de irse, fai balance e sinala que a tarefa foi "extraordinariamente motivadora e gratificante".
Para o ex concelleiro nacionalista, "a verdadeira esencia da política reside no contacto directo coa xente, entendendo e representando as súas preocupacións".
O BNG de Marín sinala, a través dun comunicado, que esta filosofía de "política da pel" destacou como base do enfoque de José Souto para a representación municipal.
Souto expresou o seu profundo agradecemento aos militantes e simpatizantes do BNG, aos que considera "a columna vertebral e a forza motriz do partido, esenciais para levar adiante un proxecto no que as persoas están por encima do grupo político".
O BNG quere expresar o seu máis profundo agradecemento a José Souto por todo o seu esforzo e dedicación ao longo do último ano e deséxalle o mellor en todas as súas futuras iniciativas.
A acta de concelleira recóllea agora Davinia Lojo Amoedo, con formación en Ciencias Políticas e da Administración Pública e en xestión dos recursos mariños. Segundo explicou o BNG, está preparada para asumir esta responsabilidade. "É unha honra incorporarme ao equipo municipal do BNG e asumo este reto con total seriedade" afirmou.
O partido está "entusiasmado" por tela para "impulsar a axenda política con novo vigor e compromiso".