José Luis Gómez Fontenla convértese no novo candidato do Partido Popular co obxectivo posto en revalidar a alcaldía de Moraña para esta formación na próxima cita coas urnas o 28 de maio.
A xunta local do PP elixiu a Gómez Fontenla como candidato de consenso e, na noite deste luns, notificáballo a Luís López, presidente provincial. López mostraba a súa confianza en que o candidato revalide nas eleccións o "magnífico resultado" que lograron nos comicios de 2019, cando Luisa Piñeiro encabezaba a lista e lograba maioría absoluta. A alcaldesa renunciaba en 2020 para que o cargo pasara a mans de José Cela durante o resto do mandato.
López reivindicou o traballo realizado por Piñeiro e Cela durante os últimos doce anos e recoñeceu que José Cela asumiu con compromiso e responsabilidade a alcaldía, e realizou un traballo "moi importante nun momento especialmente complicado, coa pandemia sanitaria e a crise económica". Agradeceulle que continúe traballando polo seu concello e polo partido con complicidade e implicación.
O candidato á alcaldía ten 38 anos, estudou dereito e é garda civil de profesión. Defínese como unha persoa inquieta e dinámica, con vocación de atender aos demais. Mantén actividade con asociacións e entidades locais co obxectivo de fomentar a vida cultural, social e deportiva do municipio, presidindo cinco colectivos e tamén o Moraña Club de Fútbol.
A súa aposta céntrase en "seguir potenciando os servizos no rural, ampliando o chan industrial para seguir creando emprego, aumentando as atencións e servizos para os nosos maiores, mellorando as instalacións deportivas", entre outros aspectos que prometeu promover se alcanza a alcaldía.