Entre fortes medidas de seguridade, con decenas de axentes da Policía Nacional e a Garda Civil vixiando que non se produciran enfrontamentos, este martes comezou na Audiencia Provincial de Pontevedar o xuízo contra José Luis Cortiñas Romeu polo asasinato machista da súa muller, Maria Luisa Jiménez Jiménez, coñecida como 'Lupe'. El cinguiuse ao guión previsto e confesou os feitos, tal e como fixera xa no xulgado de instrución, pero sorprendeu tentando xustificar o brutal crime de 16 puñalas: "Me entró un arrebato de tal manera que no pude contenerme".
Decenas de familiares de 'Lupe' esperaban ao acusado xa á súa chegada á Audiencia Provincial pouco antes das dez da mañá. Cando se achegou o furgón policial, lanzáronlle unha botella de plástico e proferiron insultos e berros de "asesino". A rabia da familia levou á súa filla Esmeralda a clamar ante os numerosos medios de comunicación presente: "ha destrozado la vida a seis hijos, queremos que es haga justicia". Dúas horas despois, cando o xurado popular que xulgará a Cortiñas xa estaba constituído e empezou o xuízo, boa parte da familia entrou na sala de visitas disposta a presenciar a primeira sesión.
José Luis Cortiñas tan só quixo responder as preguntas da fiscal e do seu avogado defensor, pero nesa declaración estendeuse en detalles de todo o ocorrido o 23 de febreiro de 2014, data do crime. Ademais, non quixo terminar sen antes pedir "perdón a la familia" da falecida e desexar "algún día poder volver a abrazar" ás súas fillas, que lle retiraron a palabra e mesmo queren cambiarse o apelido.
O home enfróntase a 20 anos de prisión por un delito de asasinato en concurso con outro de aborto -ela estaba embarazada de cinco semanas cando morreu- por un brutal crime con 16 puñaladas, doce no tórax, tres no pescozo e unha na boneca, que lle causaron a morte "case inmediata". El recoñéceas, pero non lembra todas elas, senón só o que pasou antes e despois das mesmas.
Segundo explicou, dous meses antes do crime ambos se mudaron a vivir a Vilaboa coa nai dela, pero o día 23 de febreiro de 2014 ela subiuse con el no seu coche "voluntariamente" para ir a Lugo a ver á súa filla maior. Durante o traxecto iniciouse unha discusión na que ela lle dixo que quería "dar a luz en Pontevedra" e el que quería volver a Lugo, onde "estaba nuestra vida".
Interrompérona porque ela pediulle parar nun camiño forestal para mear e, cando volveu ao coche, "me dijo: el hijo que tengo no es tuyo". Nese momento, ela supostamente sacou do mandilón un desaparafusador e atacoulle a el, iniciouse un forcexo e xa empezou a cravarlle a navalla que adoitaba utilizar para preparar os porros, "sen saber como, a verdade".
Non lembra os detalles do que ocorreu logo, como a sacou do coche, onde está o desaparafusador co que o feriu ela ou a navalla coa que lle agrediu el, aínda que recoñece que "la habré tirado". Desde alí volveu a Lugo, cambiou a roupa, queimou as pezas manchadas de sangue, tirounas a un pozo e acudiu á Comisaría para denunciar a súa desaparición. Máis tarde recoñeceu que non estaba desaparecida, senón morta porque "se me metió en la cabeza que a lo mejor podía estar viva".
Os axentes da Garda Civil que levaron a investigación declararon este martes tanto na Audiencia como a través de videoconferencia e relataron que inicialmente buscaban a 'Lupe' viva porque o seu marido relatou que pararon nunha gasolineira no camiño cara a Lugo e ela colleu un taxi e marchou, pero máis tarde el xa recoñeceu ante o xulgado que a mataba e dixo onde deixara o cadáver. Ese día non o atoparon porque estaba "en una zona muy boscosa, con mucho eucalipto" e "las condiciones climatologicas no eran muy propicias", pero regresaron á mañá seguinte, cando xa era de día e non chovía tanto e xa atoparon o corpo.
O corpo estaba "debajo de una especie de nevera o frigorífico", o acusado levantouno e apareceu 'Lupe'. Estaba "completamente oculto".