José Luis Abet, xulgado a porta pechada polo triplo crime machista de Valga

Pontevedra
06 de marzo 2023
Actualizado: 15:22

Durante toda a semana, pasarán pola sala de vistas unhas 70 persoas, entre testemuñas, gardas civís, psicólogas, médicos forenses e peritos. Chama a atención que a defensa de Abet non achega ningunha testemuña, senón que son todos das acusacións, tanto da que exerce a familia das vítimas como das acusacións populares

José Luis Abet, na sala de vistas da Audiencia de Pontevedra
José Luis Abet, na sala de vistas da Audiencia de Pontevedra / PontevedraViva

A Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará a porta pechada a José Luis Abet polo triplo crime de Valga no que en setembro de 2019 matou a tiros á súa ex muller, Sandra Boquete Jamardo (de 39 anos); a súa ex cuñada, Alba (27); e a súa ex sogra, Elena Jamardo (58) en presenza dos seus fillos de 4 e 7 anos. 

O xurado comezou a formarse ás 10.00 horas da mañá e quedou constituído pasada a unha da tarde. Finalmente, o caso está en mans dun tribunal de xurado constituído por sete mulleres e dous homes, oito mulleres e tres homes se contamos os suplentes

A continuación, as partes puxeron a mesa a petición de que o xuízo se celebre a porta pechada. Todas as partes pediron que se celebrara desta maneira, a maxistrada que preside o tribunal, Rosario Cimadevila, consultou cos membros do xurado e finalmente, tomou a decisión e o xuízo non será en audiencia pública. A decisión adoptouse sobre as 14.30 horas da tarde deste luns. 

Para a xornada deste luns estaba inicialmente fixada a declaración do acusado e de dez testemuñas, pero finalmente todas esas testemuñas quedaron para este martes, que se celebrará en sesión de mañá e tarde

Durante toda a semana, pasarán pola sala de vistas unhas 70 persoas, entre testemuñas, gardas civís, psicólogas, médicos forenses e peritos. Chama a atención que a defensa de Abet non achega ningunha testemuña, senón que son todos das acusacións, tanto da que exerce a familia das vítimas como das acusacións populares, que ostenta a Xunta e a Fundación Amigos de Galicia. 

Abet, autor confeso do triplo crime, está acusado tres delitos de asasinato, un delito de tenencia ilícita de armas e dous delitos de lesións psíquicas graves. Trátanse estes dous últimos de delitos dos que as vítimas son os seus dous fillos, que tiña en común coa súa ex muller e dos que perdeu a patria potestade tras o asasinato.

Por estes feitos, enfróntase á pena de prisión permanente revisable. De confirmarse, sería o segundo condenado na Audiencia Provincial de Pontevedra, tras o de David Oubel, condenado polo dobre crime das súas fillas en Moraña. Foi no seu día o primeiro condenado a prisión permanente revisable de España, no seu caso, pola sección cuarta da Audiencia. A Abet xúlgao a sección segunda da Audiencia. 

Segundo a acusación, Abet "quixo expresamente que os seus fillos menores de idade presenciasen como mata á súa ex muller, nai dos menores, razón pola que realizou o crime cando se dispoñían a ir ao colexio". Como consecuencia de presenciar como o seu pai matou á súa nai, a súa tía e a súa avoa, os menores resultaron con graves danos psicolóxicos.

O fiscal pide que durante o xuízo se reproduza o DVD que contén a declaración dun dos nenos a porta pechada a fin de evitar a exposición pública da imaxe  do menor, así como dos vídeos gravados polo acusado e os audios e mensaxes que había no seu teléfono móbil. Tamén pide a audición das chamadas efectuadas ao 112 o día dos feitos.

No caso de que o tribunal decida que si ten que declarar o neno, pide que o faga mediante videoconferencia a porta pechada, de maneira que se evite todo tipo de contacto visual co acusado. Ademais, para "reducir ao mínimo o impacto emocional" pide que estea acompañado o menor por un psicólogo da Oficina de Atención ás Vítimas.

RESTO DA CONDENA

Ademais da prisión permanente revisable, a Fiscalía pide para Abet a prohibición de residir e acudir ao termo municipal de Valga  durante 35 anos e a privación da patria potestade. Pola tenencia ilícita de armas, pide tres anos de prisión e seis anos de privación do dereito á tenencia e porte de armas. Polas lesións psíquicas, a pena que pide é de dez anos de prisión, cinco por cada delito, e a prohibición de aproximación a cada un dos seus fillos a menos de 500 metros, calquera que sexa o lugar en que se atopen, durante 10 anos, así como a prohibición de comunicarse con eles por calquera medio durante o mesmo tempo e a privación da patria potestade. 

En concepto de responsabilidade civil, a Fiscalía pide para o acusado 1,7 millóns de euros de indemnizacións. Así, pide que indemnice ao seu ex sogro con 475.000 euros pola perda da súa esposa e as súas fillas e a cada un dos seus fillos con 341.000 euros pola perda da súa nai, a súa avoa e a súa tía polas lesións psíquicas causadas. Tamén pide para a avoa da súa ex muller 340.000 euros pola perda da súa filla e as súas netas; para a parella de Alba Boquete, 110.00 euros; e para cada un dos tíos avós do seu ex, 70.000 euros.  

A súa defensa pide a súa absolución ou, subsidiariamente, que se lle condene por tres delitos de homicidio, dous delitos de lesións psíquicas e un de tenencia ilícita de armas.

O CRIME

O crime cometeuno cun revólver marca Ruger de calibre 32 longo en perfecto estado de funcionamento que comprou, segundo a xuíza instrutora, "coa finalidade de matar á súa ex muller".

O tribunal de xurado deberá determinar se é ou non culpable deste triplo crime ocorrido antes das 8.00 horas da mañá do 16 de setembro, cando acudiu ao domicilio no que vivían a súa ex muller e os seus dous fillos en Caracido, Cordeiro (Valga) "a propósito de que a esa hora era cando saían do mesmo en coche para saír ao colexio".

Para sorprendela e evitar que fuxise, colocou o seu vehículo diante da porta do garaxe e esperou de pé ao seu lado a que se abrise a porta. En canto a súa muller se dispoñía a saír do garaxe, viuse obrigada a deter o vehículo que conducía, momento que aproveitou para poñerse á altura do portelo do condutor e, tras apuntarlle á cabeza coa arma que levaba oculta nas costas, dispararlle coa intención de matala.

Un primeiro tiro impactou na súa cara e logo disparoulle dúas veces no pescozo e unha no peito, acabando coa súa vida de maneira inmediata en presenza dos seus dous fillos, que ocupaban a parte traseira do coche.

Acto seguido, segundo o auto de apertura de xuízo oral e o escrito de acusación da Fiscalía de Pontevedra, subiuse ao seu vehículo e abandonou o lugar. Cando levaba uns metros percorridos, observou como chegaba de fronte a el, o coche conducido pola nai da súa ex muller, no que viaxaba como ocupante a súa irmá Alba. Ambas dirixíanse a toda velocidade ao domicilio porque Sandra chamara por teléfono á súa irmá pedindo axuda.

Nese momento, decidiu tamén acabar coa vida de ambas, razón pola que cambiou o sentido da súa marcha e perseguiunas en coche ata chegar á casa. Unha vez alí, detivo o vehículo e, tras recargar o revólver, apeouse. Sorprendeunas no momento no que tentaban socorrer a Sandra, sen que tivesen posibilidade algunha de fuxida.

Abet, segundo revelou a investigación da Garda Civil, disparou alternativamente en catro ocasiones contra a súa ex sogra, á que alcanzou na cabeza, a coxa e dúas veces no peito. Á súa ex cuñada disparoulle en tres ocasións, unha na cabeza, outra no peito e a última no ombreiro dereito. Puxo fin á vida de ambas as dúas no acto.

Estes feitos tamén foron presenciados polos seus fillos menores, que trataron de esconderse nas proximidades. Tras o triplo crime o acusado díxolles, que esperasen alí que viría buscarlles a Garda Civil e abandonou o lugar no seu coche.