Falar do apelido Fraile no campo salmantino é falar de gandería brava. Juan Antonio, o bisavó de José Juan Fraile Maceín, iniciou a saga que seguiron o seu avó, o seu tío, os seus curmáns e o seu pai, Lorenzo Fraile Martín. Este ano as ganderías de Puerto de San Lorenzo e La Ventana del Puerto abrirán a Feira da Peregrina acartelados con Alejandro Talavante, Juan Ortega e Roca Rey.
José Juan, a responsabilidade non é pequena tendo en conta que falamos do triunvirato da tempada...
Certo, para nós sempre é unha responsabilidade que todo salga ben porque son días sinalados, pero sabemos que estamos en mans de tres figuras do toureo que potenciarán todas as condicións positivas do touro e contrarrestarán as que o sexan menos e por iso alcanzan o éxito con maior regularidade.
Ambos os ferros son debutantes en Pontevedra?
Penso que si. A nosa gandería ten moitos anos de evolución, pero penso que nos últimos corenta ou corenta e cinco é a primeira vez da nosa gandería en Pontevedra.
Cantos serán de cada ferro?
Adoitamos completar con tres e tres. Como son ganderías un pouco distintas, con diferentes matices, adoitámolas abrir e á hora de enlotar os toureiros tamén o fan máis fácil, un touro de cada ferro; é como o adoitamos facer, aínda que non sempre é así. Tamén haberá que ver como chegan á praza e cales chegan en mellor estado.
Imos poñerllo fácil á afección pontevedresa. Como son por hechuras e comportamento os touros de Puerto de San Lorenzo (marcados pola procedencia dos Atanasios e os Lisardos); e La Ventana del Puerto (que engaden procedencia Jandilla-Torreón e Aldeanueva)?
Normalmente as pelames do Puerto son negros con algún burraco (salpicado en branco e negro), mentres que en La Ventana adóitanse dar máis colorados e castiñeiros. As encornaduras en Puerto de San Lorenzo adoitan ter maior tamaño, coa volta do pitón cara arriba e dentro, que o dota de maior seriedade. En La Ventana é un pouco máis fino de cana, de óso, de pelo e dentro de que tamén ten unha expresión de trapío e seriedade.
Neste 2024, entendo que ata a data os dous compromisos máis fortes foron as dúas tardes en San Isidro; pero como van pechar a tempada en canto a festexos contratados?
Corridas serán ao redor de quince, quédanos por diante Santander, Pontevedra, Xixón, Bilbao, Salamanca, Guadalaja, Lorca e terminar no outono en Madrid. Este ano decidimos non lidar novilladas.
Eses números para un gandeiro son unha boa tempada?
É no que nos imos movendo varias tempadas. É un número que sacamos con bastante facilidade e que é ideal para facer un pouco viable ganderías amplas como a nosa; aínda que sabemos que son practicamente o cincuenta por cento dos becerros que ferramos os que chegan a touros. Limpamos moito. De erales si adoitamos lidar, novilladas con cabalos non, algo tentamos en casa para sementais e retiramos touros que se accidentan ou os que non cumpren as expectativas que estimamos para unha praza de touros, toureámolos aquí a porta pechada no campo.
Estase nun momento no campo bravo, que creo, ao touro cóidaselle mellor que nunca, xa non só pola atención hixiénico-sanitaria, senón tamén pola alimentación, por protección da súa integridade - caso das fundas por poñer un exemplo -, polo seu adestramento, pola disposición das ganderías, etc... velo así?
Si, sen dúbida. O touro agora prepárase mellor que nunca, tamén temos maior coñecemento. No últimos vinte, trinta anos investimos todos os gandeiros na ciencia para que os pensos sexan máis equilibrados. En exercicio tamén se avanzou moito, antes non se exercitaban e agora hai exercicio rutineiro varios días á semana. Todo iso, xunto a que a selección tamén evolucionou, temos un touro mellor preparado que nunca.
Antes de terminar esta charla, queda desexar que este próximo dez de agosto sexa unha boa apertura de Feira da Peregrina.
Temos toda a ilusión posta en que os touros dean espectáculo, os toureiros triunfen e a afección salga contenta. Con esa intención imos a Pontevedra, que sabemos é a praza de Galicia que mantén a tauromaquia.