José Flores, xerente da área sanitaria, recoñece que a falta de facultativos só poderá resolverse "a medio prazo"

Pontevedra
05 de outubro 2022

O PAC da Parda quedaba o domingo sen médicos, obrigando aos pacientes a acudir a Urxencias de Montecelo, e o responsable da área sanitaria tamén recoñece a reprogramación da planificación cirúrxica derivada de falta de persoal no servizo de Anestesia

José Flores, xerente da área sanitaria, na entrada da Casa do Mar
José Flores, xerente da área sanitaria, na entrada da Casa do Mar / PontevedraViva
A falta de facultativos terá que resolverse a "medio prazo" /

O xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Flores Arias, recoñecía este mércores na súa visita ao Centro de Especialidades Casa do Mar de Mollavao que a situación actual de falta de profesionais facultativos "tentaremos corrixila pouco a pouco".

Indicou que se trata dun proxecto a medio prazo porque formular solucións a curto prazo "sería enganarnos a nós mesmos", admitía o xerente incidindo en que hai menos médicos de familia "dos que necesitariamos" dentro do déficit de profesionais que se rexistra en toda España.

Apuntou que a Consellería de Sanidade xa lle pediu ao Ministerio máis prazas MIR e que no ámbito local se están a facer esforzos coas 106 prazas de facultativos convocadas das que 15 quedaron sen cubrir e que se volverán a convocar a outros cen profesionais para tentar cubrir o 100% desta oferta.

"A intención de cara ao ano que vén é seguir na mesma liña, facer que a xente se poida estabilizar en Galicia", asegurou Flores indicando que tamén se trasladou ao Ministerio a necesidade de máis médicos formados a través da vía MIR tanto de Medicina Familiar como en especialidades que se atopan deficitarias como é o caso de Radioloxía, Psiquiatría ou Medicina Interna. En todo caso, garantizou que se seguirán a realizar todos os esforzos para resolver os problemas actuais e cubrir as ausencias que se rexistran, sobre todo, en centros comarcais.

Neste sentido, lembrou que no consultorio de Cerdedo xa se buscou unha solución para cubrir as ausencias do único médico deste espazo sanitario do municipio de Cerdedo-Cotobade. Ata o momento, debido ás horas sindicais dese facultativo, presentábanse dificultades para cubrir esas ausencias e esta semana está previsto aumentar o horario de atención aos pacientes ás tardes con outros médicos que cubran a consulta garantindo a asistencia aos usuarios.

 Por outra banda, este domingo 2 de outubro, o Punto de Atención Continuada (PAC) da Parda volvía quedar sen médicos e os pacientes eran derivados ao servizo de Urxencias de Montecelo, segundo denuncian diferentes usuarios que presentaron reclamacións no centro. José Flores explicaba que a prioridade en todas as áreas céntrase en mellorar a Atención Primaria e PACs "onde se están a poñer todos os esforzos".

O xerente recoñeceu que tamén se están a rexistrar incidencias no servizo de Anestesia no Hospital Montecelo debido a baixas e incapacidades temporais do persoal, que obrigaron a reprogramar o plan cirúrxico.