José Flores Arias, xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, respondeu ás queixas de concelleiros de diferentes municipios como Meis, Soutomaior ou Barro, que se queixan do déficit de médicos nos centros de saúde.
Lembra que na área sanitaria cóbrese a unha poboación de preto de 300.000 persoas con 22 centros de saúde, nove PACS, tres hospitais públicos e 061. "Pensar que a poboación non ten a cobertura suficiente para ser atendida nas emerxencias, nas urxencias, pois evidentemente non é certo", apunta.
"A situación é a mesma que outros anos", incide Flores Arias, "temos que pensar tamén que a veces damos unhas mensaxes de que a poboación non está cuberta", lamentábase o xerente para indicar que o sistema público de saúde de Galicia é envexado por outras comunidades autónomas.
Explica que desde a xerencia fíxose o esforzo de contratar a toda a xente dispoñible pero "non temos médicos de familia en paro. Non hai ningún médico de familia que estea na súa casa esperando para cubrir as vacacións dos titulares das prazas".
José Flores engade que se un médico dun centro de saúde está quince días de vacacións, os pacientes para cuestións ordinarias ou non urxentes poden esperar eses quince días a ser atendidos. "Calquera outra cousa que xurda, que sexan urxencias ou emerxencias, serán atendidos ou nos centros de saúde ou noutros centros sexan hospitalarios ou non da área sanitaria", expón.
Incide en que se conseguiron reforzos doutras áreas sanitarias e mesmo doutros países que veñen durante estes meses para traballar cubrindo prazas en zonas como Sanxenxo ou O Grove, zonas onde se multiplica por seis a poboación habitual "e aí é onde poñemos os poucos medios dos que dispoñemos". Lembrou tamén que nalgúns centros colaborarán os residentes de cuarto ano de medicina familiar e comunitaria.