José Flores, xerente da área sanitaria, explica que a falta dun médico en Barro "é unha situación como a de calquera verán"

Barro
03 de xullo 2024

O máximo responsable sanitario da área de Pontevedra-O Salnés afirma que o centro de saúde de Barro dispón de dous médicos e que, durante o verán, un destes profesionais cobre as vacacións do outro facultativo. Explica tamén que un deles vai xubilarse en datas inmediatas e que vai ofertarse a praza para que un interino ocupe ese posto

Jose Flores, xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés
Jose Flores, xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés / Mónica Patxot

Nas últimas horas, o PSOE de Barro denunciaba que un só profesional médico está a atender no centro de saúde do municipio.

A estas críticas reaccionaba este mércores José Flores, xerente da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, explicando que este centro de saúde dispón de dous médicos desde hai anos con praza en propiedade

"É unha situación como a de calquera verán", apunta o xerente para insistir en que un dos facultativos cobre as vacacións do outro durante estes días de descanso estival.

Recoñece que un dos médicos xubilarase en datas próximas e cando se produza esta situación a área sanitaria ofertará a praza para que un interino cubra ese posto de inmediato. 

Despois, asegura, verán a dispoñibilidade e voluntariedade dos médicos que teñen na actualidade posibilidade de acceder a esa praza para a súa adxudicación definitiva.

O xerente insistiu en que desde a área sanitaria a "aposta por Barro está clarísima" ao licitar recentemente o proxecto de obra para a construción do novo centro de saúde e coa cobertura durante dous días á semana da atención de Pediatría, que levaba tempo sen cubrirse.