José Cela toma posesión como alcalde de Moraña

Umia
02 de outubro 2020

Foi escollido por maioría absoluta cos seis votos do PP e estivo arroupado pola súa predecesora e delegada territorial, Luisa Piñeiro

Cela, Piñeiro e membros do goberno local
Cela, Piñeiro e membros do goberno local

José Cela Camiño foi escollido este xoves polo pleno da corporación municipal de Moraña como novo alcalde en substitución de Luisa Piñeiro –que dirixe dende hai dúas semanas a delegación territorial da Xunta en Pontevedra– e tomou posesión co protocolario acto do bastón de mando anunciando que o goberno vai manter unha liña continuista centrada principalmente nas áreas de obras, emprego, servizos sociais e saúde.

"Coa crise sanitaria da Covid-19 e os seus graves efectos sobre a socioeconomía está claro que o executivo local vai centrarse nos vindeiros meses, e o tempo que faga falla, en tentar coidar ao máximo a saúde dos veciños de Moraña e en fomentar a necesaria reactivación", explicou o novo rexedor.

Cela foi escollido por maioría absoluta cos seis votos do PP na corporación, que podería ser sete se houberan chegado a tempo as credenciais da xunta electoral para que se incorporara Javier Ruibal, e estivo arroupado pola súa predecesora, Luisa Piñeiro, e por membros da súa familia.

Na súa intervención, o alcalde comezou poñéndose á "absoluta disposición" dos veciños e amosou o seu agradecemento polo apoio á súa familia, aos seus compañeiros do goberno local e a Luisa Piñeiro, da que destacou o "gran legado" que deixa tras case dez anos á fronte do Concello.

"É unha honra, un orgullo e unha enorme responsabilidade, pero traballarei arreo para estar á altura e atender o mellor posible aos veciños", sinalou Cela, que tendeulle publicamente a man aos dous grupos da oposición para colaborar, especialmente na actual situación de pandemia, e para "seguir construíndo a Moraña de progreso e futuro que estamos deseñando dende hai case unha década".

En canto aos eixos de actuación, Cela explicou que na área de obras vaise seguir coas programadas para o que resta de ano e o vindeiro 2021, que xa estaban fixadas dentro do cronograma do goberno, e vaise seguir afondando na formación e creación de emprego co Obradoiro Xóvenes, que arrancará o 15 de novembro, e co Programa Integrado de Empregado para os cinco concellos da bisbarra do Ulla-Umia que acaba de conceder a Xunta.

Ademais, reforzaranse "todo o necesario" os Servizos Sociais, especialmente pola incidencia da crise sanitaria, e traballarase arreo na área de Saúde Pública "xa que aínda que non temos competencias queremos protexer a saúde dos veciños e seguiremos con limpezas, desinfeccións, colaboracións ou o protocolos para aportar o noso grao de area na contención do coronavirus".