Jorge Cubela alza o bastón de mando por cuarta vez, cheo de "ilusión", "compromiso" e "responsabilidade"

Cerdedo-Cotobade
18 de xuño 2023

Unha vez rematado o pleno de investidura este sábado, a través das súas redes sociais quixo darlle "mil grazas" a todos os compañeiros de partido, aos membros da Corporación, á sùa familia e, sobre todo, "a todos e cada un dos veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade". É este un encargo que o enche de "orgullo"

Cuarta investidura de Jorge Cubela
Cuarta investidura de Jorge Cubela / Concello de Cerdedo-Cotobade

Jorge Cubela xa é de novo alcalde de Cerdedo-Cotobade. Este sábado alzou o bastón de mando por cuarta vez nunha sesión de investidura na que veciños e simpatizantes dos distintos partidos encheron o salón de plenos.

A ampla maioría lograda polo PP nas eleccións municipais do 28 de maio garantiulle a Cubela poder ser elixido alcalde só cos votos do seu partido, de maneira que a sesión non tivo sorpresas.

A sesión non era nada novo para Cubela, que é alcalde con maioría absoluta desde 2011, pero a experiencia non lle restou emoción ao acto.

Unha vez rematado, a través das súas redes sociais quixo darlle "mil grazas" a todos os compañeiros de partido, aos membros da Corporación, á sùa familia e, sobre todo, "a todos e cada un dos veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade".

O líder do PP sinalou que foi, para el, un día "moi especial" por recibir por cuarta vez a confianza maioritaria dos veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade para seguir sendo o seu alcalde.

É este un encargo que o enche de "orgullo", pero, segundo as súas propias palabras, "sobre todo de compromiso, responsabilidade e unha enorme ilusión".

Na nova Corporación, o PP ten dez concelleiros, o PSOE suma dous e o BNG ten un representante.