Jorge Cubela acusa a Andrés Díaz de "persoa destrutiva" por denunciar as obras dos Baños de San Xusto

Cerdedo-Cotobade
29 de abril 2020

O alcalde popular de Cerdedo-Cotobade reunía de forma extraordinaria á xunta de voceiros para informar que o alcade socialista de Ponte Caldelas denunciou o proxecto financiado pola Xunta

Xunta de voceiros extraordinaria no Concello de Cerdedo-Cotobade
Xunta de voceiros extraordinaria no Concello de Cerdedo-Cotobade / Concello de Cerdedo-Cotobade

Fortísimo malestar e duras críticasdo alcalde popular de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela cara ao seu homólogo de Ponte Caldelas, o socialista Andrés Díaz, tras coñecer que este últimoten denunciado o convenio entre Cerdedo-Cotobade e a Xunta para a rehabilitación integral e a restauración paisaxística dos Baños de San Xusto.

Esta circunstancia motivaba que este mesmo mércores 28, Cubela convocase de forma urxente unha xunta de voceiros para informar exclusivamente desta situación que cualificou de "actitude inadmisible" e "desesperado intento de boicot" para paralizar este proxecto que se iniciou o pasado xaneiro mediante o convenio subscrito coa Xunta "con motivo da primeira actuación do Pacto pola Paisaxe de Galicia" e dotado cun financiamento de 680.000 euros.

Nesta sesión extraordinaria o grupo de goberno informaba os representantes de PSOE e BNG do asunto, achegando diversa documentación como o expediente remitido pola Xunta, informes xurídicos ou o convenio coa Fegamp, así como a denuncia realizada polo alcalde caldelano contra o convenio.

Ademais, Cubela explicou que o acordo é igual ao subscrito coa Deputación para humanización da Chan ou aos realizados entre o goberno galego cos concellos de Vilagarcía, Caldas e Portas para a execución dunha vía verde.

"Demostra que é unha persoas destrutiva que só tenta facer ruído para tapar a súa incompetencia e ineficaz xestión e trata de enfrontar a dous municipios veciños e irmáns, inutilmente, xa que a tramitación da obra é impecable e non vai conseguir o seu propósito", afirmaba Cubela.

Na xunta extraordinaria fixábase un prazo de dous días para que os grupos da oposición apoien ao goberno local asinando un comunicado conxunto "no que se pedirá respecto institucional porque esta cuestión non é entre concellos nin entre partidos, senón que se debe en exclusiva a unha actitude revanchista persoal do alcalde de Ponte Caldelas"

De igual forma informouse que se contactará cos grupos da oposición de Ponte Caldelas para que estean informados da actitude e acción de Andrés Díaz respecto diso.