Jorge Cubela, a polo seu cuarto mandato en Cerdedo-Cotobade: "É momento de seguir adiante e non parar"

Cerdedo-Cotobade
26 de marzo 2023

Un alcalde "de raza" no que "paga a pena confiar". Así describiu Alfonso Rueda a Jorge Cubela na súa presentación oficial como candidato do PP ás eleccións municipais de maio. Optará a conseguir o seu cuarto mandato consecutivo á fronte de Cerdedo-Cotobade

Presentación de Jorge Cubela como candidato do PP en Cerdedo-Cotobade
Presentación de Jorge Cubela como candidato do PP en Cerdedo-Cotobade / Partido Popular

Un alcalde "de raza" no que "paga a pena confiar". Así describiu Alfonso Rueda a Jorge Cubela na súa presentación oficial como candidato do PP ás eleccións municipais de maio. Optará a conseguir o seu cuarto mandato consecutivo á fronte de Cerdedo-Cotobade.

Os populares xuntáronse este sábado no Bar Amoedo, en Barbeitos, para arroupar a Cubela, que prometeu "seguir loitando" polos seus veciños e continuar transformando o concello e convertelo nun lugar "no que a xente pense á hora de construír o seu fogar ou investir".

"É momento de seguir adiante e non parar", subliñou o alcalde, que defende "seguir apostando por un goberno estable e fiable" en lugar de "arriscarse con experimentos a dúas bandas".

Destacou que as constantes do seu traballo foron dotar á vila de equipamentos culturais, das dúas residencias de maiores, de novas humanizacións, vivendas sociais, melloras das infraestruturas municipais, iniciativas piloto no monte ou a mellora do patrimonio cultural.

Na súa intervención, Jorge Cubela presumiu de coñecer "a todos os veciños e cada recuncho de Cerdedo-Cotobade" e puxo en valor a súa experiencia de goberno: "Nós tamén somos usuarios dos servizos públicos e, por iso, sabemos ben o que fai falta e o que ten cabida para mellorar".

O presidente da Xunta, pola súa banda, cualificou a Cubela como un "referente" para todos os alcaldes do PP porque "está en todas partes e consegue convencer a todas as sensibilidades", demostrando desde o primeiro día "que é o alcalde de todos".

"Grazas a Jorge, Cerdedo-Cotobade é hoxe a demostración de que se poden facer cousas desde o rural e para o rural e que non hai que estar nun gran concello para desfrutar de servizos de primeira", engadiu Rueda, que confía en que poida renovar a súa maioría absoluta.

A este respecto, advertiu que "con que a Jorge Cubela lle falte un voto, o PSOE e o BNG xuntaranse para que Cerdedo-Cotobade volva ao branco e negro", por lo que pediu á veciñanza que volva confiar nel "para que todo o que ten agora mesmo enriba da mesa non sexa máis que a continuidade do xa conseguido".