Pontevedra converterase nun punto de análise sobre as cidades posibles nas xornadas 'Urbtopías', que se desenvolverán no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra os días 22 e 29 de novembro e o 11, 13 e 30 de decembro coa presenza de importantes analistas que dialogarán sobre os modelos de cidade.
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentaban este martes estas sesións que buscan o debate entre a cidadanía en relación aos espazos urbanos que se queren para o futuro.
Fernández Lores incidía en que o goberno local conta con invitacións cada vez máis frecuentes para participar en eventos internacionais nos que explicar a fórmula de cidade establecida en Pontevedra na que priman os peóns fronte aos coches e sinalou que tamén era necesario trasladar á sociedade pontevedresa ese debate.
Precisamente o alcalde da capital será o protagonista do primeiro encontro destas xornadas o próximo 22 de novembro cando manteña un debate sobre transformacións urbanas e calidade de vida co ex alcalde de Barcelona, Joan Clos, que tamén exerceu como ministro de Industria entre 2006 e 2008, ademais de ser subsecretario xeral da ONU. Esta cita estará moderada pola xornalista de laSexta, Elisa Beni.
O 29 de novembro, a cultura como motor das cidades será o eixo do encontro que moderará o xornalista do Diario de Pontevedra, Ramón Rozas, coa participación de Lidia Blanco, especialista en xestión cultural de América Latina; o director do plan estratéxico de Málaga, Vicente Granados; o alcalde de Óbidos, Telmo Faria; e a directora de Esdemga, Lola Dopico.
A cidade do futuro centrará a conversación entre César Mosquera, vicepresidente da Deputación co enxeñeiro de camiños e especialista en mobilidad, Fernando Nebot. Será o 11 de decembro coa xornalista Fernanda Tabarés como encargada de moderar o encontro.
O 13 de decembro, integrantes da cooperativa de arquitectas Col-Lectiu Punt 6; a arquitecta especialista en Urbanismo Oihane Ruiz e a tenente de alcalde en Pontevedra, Carme da Silva manterán un coloquio sobre a perspectiva de xénero na transformación urbana.
Por último, o 20 de decembro, o arquitecto urbanista, catedrático da Universidade de Harvard, Joan Busquets e a concelleira Anabel Gulías dialogarán sobre os valores da cidade.
Fernández Lores e Anabel Gulías sinalaron que estes encontros estarán abertos ao público e anunciaban que haberá unha especial dedicación á participación infantil, para que os menores opinen sobre o futuro da súa cidade.