Os representantes do PP na Deputación de Pontevedra polo Partido Xudicial de Cambados serán Javier Tourís, tenente de alcalde de Vilanova de Arousa e que xa foi deputado provincial neste mandato, e Marcos Guisasola, terceiro tenente de alcalde de Sanxenxo.
Así o ratificaron este mércores os edís populares dos concellos que conforman este partido xudicial –Vilagarcía, Meis, Meaño, O Grove, Cambados, Ribadumia, Vilanova, A Illa e Sanxenxo- na xunta electoral de Cambados.
Javier Tourís e Marcos Guisasola incorpóranse así ao Goberno da Deputación de Pontevedra, que estará presidido por Luis López despois de que o PP obtivera a maioría absoluta na institución provincial, cun total de catorce deputados, sendo, de novo, o único partido que ten representación nos sete partidos xudiciais da provincia.
O Partido Popular de Pontevedra está celebrando unha ronda de contactos nos sete partidos xudiciais da provincia para escoitar as opinións de cada un dos representantes locais do partido para, entre todos, elixir por consenso ás catorce persoas que formarán parte do Goberno provincial nos próximos catro anos.
Ademais de Luis López, de Javier Tourís e de Marcos Guisasola, tamén terán un escano na Deputación de Pontevedra Rafa Domínguez e Marta Fernández-Tapias, voceiros en Pontevedra e Vigo, e que serán vicepresidentes da institución provincial, así como José López, alcalde da Estrada.