Javier Olleros, chef de Culler de Pau (O Grove), é un dos protagonistas do primeiro documental de produción propia da escola de alta cociña Le Cordon Bleu Madrid.
Titulado Equibocados, este documental preséntase o vindeiro luns 12 de xuño na Universidade Francisco de Vitoria de Madrid.
Durante a presentación, proxectarase o primeiro episodio do documental, rodado na súa totalidade en Galicia e Valencia, no que participa Olleros, que logrou con Culler de Pau 2 estrelas Michelin e 3 Soles Guía Repsol.
Tal e como se pode ver no tráiler deste primeiro episodio, no que Olleros insiste en que "a cociña é ensaio/erro", o documental inclúe a gravación do horto e o restaurante deste chef no Grove.
O luns tamén está previsto un coloquio cos protagonistas no que está confirmada a presenza de Javier Olleros, ademais de Guillermo Moscoso (Pan da Moa), Jorge Guitián (historiador gastronómico), María José Martínez (Lienzo), o chef valenciano Ricard Camarena (Ricard Camarena) e Santos Ruíz (xerente de Arroz de Valencia D.O.)
Este documental responde o compromiso de Le Cordon Bleu Madrid por apoiar a gastronomía e poñer en valor a importancia da formación na gastronomía.
A peza audiovisual reflexiona sobre os procesos de aprendizaxe e volver poñer o foco no proceso, e non só nos resultados.
O filósofo español José Carlos Ruiz, escritor de publicacións como De Platón a Batman (Editorial Toromítico, 2017) ou El arte de pensar (Editorial Berenice, 2018), dará antes da presentación do documental unha charla titulada "Aprender con elegancia: erros substanciais", na que ofrecerá unha visión teórica sobre a importancia de reincorporar o erro e asumilo como unha parte do proceso de crecemento e coñecemento.
A directora da Escola Le Cordon Bleu Madrid, Rosario Barrios, afirma que "a cultura da inmediatez e da imaxe na que vivimos conseguiu que percibamos o erro como algo inasumible, frustrante e mal visto socialmente. Desde o privilexio de ensinar, queremos reflexionar sobre a importancia de equivocarnos e de afrontalo con naturalidade, como parte do proceso".