Javier Domínguez destaca os recursos postos por Sogama para que os concellos poidan compostar "e cumprir a lei"

Pontevedra
14 de decembro 2023

Así se pronunciou o presidente de Sogama, Javier Domínguez, durante a súa intervención no seminario promovido pola Deputación baixo o título "Retos das entidades locais na xestión de Residuos", e que este xoves se levou a cabo no Pazo Provincial

Apertura do seminario "Retos das entidades locais na xestión de Residuos"
Apertura do seminario "Retos das entidades locais na xestión de Residuos" / Deputación de Pontevedra

"A Xunta puxo ao dispor da provincia de Pontevedra as infraestruturas necesarias para que todos os concellos poidan compostar a súa materia orgánica e cumprir a lei". Así se pronunciou o presidente de Sogama, Javier Domínguez, durante a súa intervención no seminario promovido pola Deputación baixo o título "Retos das entidades locais na xestión de Residuos", e que este xoves se levou a cabo no Pazo Provincial

A cita centrouse en revisar a normativa vixente en materia de residuos e profundou nas obrigacións das entidades locais para os próximos anos, dando a coñecer exemplos de boas prácticas na recollida eficiente de distintas fraccións de residuos.

Durante a súa alocución, Domínguez Lino explicou que se dotou á provincia de Pontevedra con seis instalacións:  unha planta de biorresiduos, situada en Vilanova de Arousa, á que se destinou un investimento de 15,23 millóns de euros e que dá cobertura directa a 26 concellos (326.846 habitantes)  e cinco plantas de transferencia de apoio: dúas de nova construción (Arbo e A Lama) e tres sometidas a remodelación (Silleda, O Porriño e Vigo), nas que,  ademais de transvasar a bolsa negra (residuo xenérico) e a amarela (envases de plástico, latas e briks), están preparadas para acoller a bolsa marrón (materia orgánica recollida a través do contedor marrón). Estas plantas intégranse nunha rede máis ampla, deseñada para atender a toda Galicia e conformada por 17 instalacións, á que se destina un investimento de 45 millóns de euros.

O máximo responsable de Sogama referiuse tamén ao programa de compostaxe doméstica que a compañía despregou na provincia pontevedresa, contando a día de hoxe con 124 entidades adheridas (47 concellos, 69 centros educativos e 8 colectivos sociais) entre as que repartiu de forma gratuíta preto de 7.700 composteiros, ademais de impartir formación entre os usuarios.

PLAN ESTRATÉXICO 2024-2030

Así mesmo, deu a coñecer as liñas mestras do Plan Estratéxico de Sogama para o período 2024-2030, e que pivotará sobre a innovación tecnolóxica, a dixitalización e a descarbonización dos seus procesos, en liña coas directrices do Pacto Verde europeo, e co que a Sociedade pretende ser un actor relevante na transformación de Galicia cara a unha economía próspera, moderna, competitiva, eficiente no uso dos recursos e respectuosa co medio ambiente, que preserve ao mesmo tempo a saúde dos cidadáns e que mellore o seu benestar e calidade de vida.

Tamén aspira a ser referente na valorización de residuos e economía circular, e evolucionar desde unha empresa de tratamento de residuos a unha empresa xeradora de recursos.

Pola súa banda o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarcou a importancia da educación ambiental como camiño para mellorar os datos de reciclaxe e tratamento do lixo na provincia de Pontevedra durante a inauguración deste seminario.

"Na xestión de residuos temos un longo camiño por percorrer, pero xa iniciamos a marcha", sinalou Luis López antes de detallar o contido deste programa de educación ambiental impulsado pola Deputación en colaboración co CEIDA, o centro de referencia para a educación e divulgación ambiental de Galicia. 

Ademais, o goberno provincial reforza o seu compromiso coa xestión dos residuos coa cooperación con concellos a través do programa PON2030 no que se mobilizan preto de 900.000 euros, co despregamento de puntos limpos en diversos concellos da provincia que supoñen un investimento duns 600.000 euros ou unha liña de subvencións a empresas para a autoxestión dos seus residuos e a colaboración coa comunidade por máis de 900.000 euros.