Jacobo Pérez Gulín tomou posesión este luns da Alcaldía do Concello de Caldas de Reis, nun breve Pleno no que estivo apoiado polo seu tres predecesores no cargo, Juan Manuel Rey, Adolfo Abalo e José María Tobío, todos membros do Partido Socialista.
Jacobo Pérez convértese así no cuarto alcalde socialista da Democracia en Caldas de Reis despois de tomar o relevo a Juan Manuel Rey, que dirixiu o municipio durante os últimos 18 anos.
Precisamente foi Juan Manuel Rey o encargado de entregarlle o bastón de mando para, xusto despois, presentar oficialmente a súa renuncia como edil na Corporación.
Emocionado, o novo alcalde agradeceu a Juan Manuel Rey a súa "xenerosidade e humildade, por enriba de calquera interese persoal", para dar un paso ao lado. E tamén tivo palabras de agradecemento para os outros dous alcaldes socialistas da vila termal "vós empezastes a construír a Caldas que coñecemos e deixastes unha pegada indeleble".
O novo rexedor caldense asegurou asumir o cargo con "orgullo e felicidade serena" porque dixo ser "consciente da responsabilidade" que implica traballar polo seu pobo ao que pediu unidade para "facer de Caldas un lugar próspero, sostible e cheo de oportunidades para todos e todas".
Na súa intervención Pérez Gulín anunciou que continuará cos proxectos que xa están en marcha e comprometeuse a exercer a Alcaldía "con honestidade, transparencia e dedicación", xunto con "o traballo incansable, a integridade e a empatía".
Jacobo Pérez aludiu á súa traxectoria de 17 anos na vida municipal, que comezaron desde a Entidade Local Menor de Arcos da Condesa, e comprometeuse a ser un alcalde próximo aos veciños e a reforzar a participación cidadá.
O pleno contou coa presenza de moito público que abarrotou o salón do Concello, entre os asistentes estaba o secretario provincial do PSdeG-PSOE, David Regades.