Jacobo Moreira: "O bipartito de Pontevedra algo está facendo mal e os cidadáns danse conta"

Pontevedra
22 de outubro 2012

Telmo Martín destaca que o PP gañou en todas as mesas electorais do municipio, salvo en dúas, unha en Ponte Sampaio e outra na Canicouva. "ÿ unha clara confianza na nosa xestión", asegura

Satisfeitos e agradecidos polo apoio recibido. Así se presentaron ante a prensa Telmo Martín, presidente local do PP, e Jacobo Moreira, portavoz do grupo municipal en Pontevedra. Cren que esta vitoria é "un orgullo" para o partido e un "triunfo persoal" de Núñez Feijóo, xa que "os cidadáns que castigan aos gobernos en época de crise, tamén saben apoiar as xestións serias e rigorosas".

Un apoio, di Telmo Martín, que tamén notaron en Pontevedra. Malia caer seis puntos porcentuales e case 5.000 votos con respecto ás anteriores eleccións, o dirixente popular destaca que o PP gañou en todas as mesas electorais do municipio, salvo en dúas, unha en Ponte Sampaio e outra na Canicouva.

"ÿ unha clara confianza na nosa xestión", asegura, tras restar importancia á perda de apoio na cidade. "O que conta é que globalmente, ou apoio a Núñez Feijóo é maioritario". Di que a suba do BNG, "é lóxica", ao entender que "se a caída estrepitosa do PSOE en Pontevedra non a recolle o BNG, sería gravísimo". Achaca este aumento dos nacionalistas a que Pontevedra é a única cidade na que gobernan e rendibilizan a xestión municipal.

Neste sentido, o actual voceiro municipal, Jacobo Moreira, afirma que co PP na oposición en Pontevedra "sacamos un resultado que nos permite vencer ao bipartito". Por iso, cre que BNG e PSOE "deberían reflexionar" sobre o resultado electoral. "Algo están facendo mal e os cidadáns danse conta".

"Como pedía onte o alcalde, os pontevedreses votaron intelixentemente e elixiron a opción do PP", reflexiona Jacobo Moreira. Tanto el como Telmo Martín non quixeron aclarar cando se convocará o congreso local no que o segundo abandonará o seu cargo. "A data decidiraa o partido, non hai problema porque somos un partido sólido. Farémolo en calquera momento".

Arquivado en