Jacobo Moreira deixará de ser concelleiro tras o congreso local do PP de Pontevedra

Pontevedra
04 de xuño 2018

Unha vez que deixe de ser presidente local do partido, formalizará a súa renuncia á acta de concelleiro, que será oficial no seguinte pleno da corporación. Coa súa marcha, entrará no grupo municipal do partido Gerardo Pérez Puga e previsiblemente asumirá a portavocía Rafael Domínguez, actual número 3  

Jacobo Moreira, presidente do PP local
Jacobo Moreira, presidente do PP local / Alejandro Vila

O presidente do PP local e portavoz do grupo municipal do partido, Jacobo Moreira, deu a coñecer este luns que deixará de ser concelleiro no Concello de Pontevedra tras o próximo congreso local que renovará os órganos de dirección do partido, previsto para o fin de semana do 30 de xuño e o 1 de xullo

Así o deu a coñecer este luns Moreira, que o sábado xa avanzara a súa decisión de non presentarse á reelección como presidente local do partido no congreso, ao que, de momento, tan só anunciou a súa candidatura o concelleiro Rafael Domínguez. 

Tras ese congreso, unha vez que deixe a presidencia que asumiu en xullo de 2014, formalizará a súa renuncia á acta de concelleiro, que será oficial no seguinte pleno da corporación, pero seguirá coas súas obrigas como deputado no Parlamento de Galicia. Coa súa marcha, entrará no grupo municipal do partido Gerardo Pérez Puga e previsiblemente asumirá a portavocía Rafael Domínguez, actual número 3 de Jacobo Moreira.

O aínda presidente local compareceu este luns ante os medios para explicar esa decisión, da que asegura que está "acordada con el partido" e que viña xestando desde hai tempo. Chegou un momento no que recoñece que "ni yo veía conveniente que yo siguiera ni el partido veía conveniente que yo siguiera" e decidiu dar un paso atrás. 

"Las renovaciones son sanas y necesarias", insiste Moreira, que especifica que "la renovación es buena y, además, es necesaria para seguir creciendo". Na súa opinión, "crecer pasa por ganar la única convocatoria electoral que hasta ahora se nos ha resistido, las elecciones municipales". 

Moreira tamén fixo balance da súa etapa de catro anos á fronte do partido. Detallou que chegou á presidencia do partido en xullo de 2014,"en una etapa muy difícil", con moitas cousas por facer, con proxectos encamiñados a revitalizar o partido e con renovación e durante este tipo seguiu a máxima "de hablar menos, de escuchar más y de estar más con los vecinos de Pontevedra, en la calle"

Respecto diso, insiste en que foi un traballo  "duro y también ilusionante" no que o partido conseguiu "duplicar el número de apoyos electorales en Pontevedra". Asumiu o cargo tras obter 8.580 votos nas eleccións europeas de 2014 e déixao con 17.839 votos na última cita electoral, as autonómicas de 2017. 

Para as municipais, declárase "convencido" de que o PP pode conseguir gañar as eleccións e de que é o"único partido que puede ofrecer una alternativa de gobierno en Pontevedra".

Rexeita dar o seu apoio explícito a Rafael Domínguez porque, como presidente do partido, requíreselle "neutralidad" e aínda non se sabe se haberá máis candidatos ao congreso, pero si asegura que "creo que si" que sería un bo candidato á Alcaldía, "sin duda".