Jacobo Moreira acusa a Lores de "viaxar de balde polo mundo co conto da peonalización"

Pontevedra
07 de febreiro 2014

Nun comunicado remitido aos medios, Jacobo Moreira cuestiona abertamente os beneficios para a cidade deste tipo de viaxes do alcalde, "pois nunca se achegan datos, nin sequera estimativos, sobre o retorno económico dos mesmos e ata hoxe, que se saiba, Fernández Lores non trouxo nin unha soa idea para aplicar en Pontevedra"

Jacobo Moreira, voceiro municipal do PP en Pontevedra
Jacobo Moreira, voceiro municipal do PP en Pontevedra / PontevedraViva

Ao Partido Popular de Pontevedra non lle gustan as viaxes do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, para recibir os premios concedidos á cidade polo seu modelo urbano ou para participar en congresos nos que se explica as políticas de mobilidade despregadas en Pontevedra. Aseguran que o único que supón esta "suposta promoción da cidade" é que o alcalde "viaxe de balde polo mundo co conto da peonalización".

Nun comunicado remitido aos medios, Jacobo Moreira cuestiona abertamente os beneficios para a cidade deste tipo de viaxes do alcalde, "pois nunca se achegan datos, nin sequera estimativos, sobre o retorno económico dos mesmos e ata hoxe, que se saiba, Fernández Lores non trouxo nin unha soa idea para aplicar en Pontevedra". Promover o turismo, engade "non é que Lores faga turismo, e se tampouco consegue proxectos ou iniciativas novas, a que vai?".

Afirma Moreira que estas viaxes se suceden "desde as últimas eleccións municipais" e neste sentido critica os desprazamentos feitos a Bruxelas, Múnic, Córcega, a próxima viaxe a Florencia ou a opción, non confirmada aínda polo goberno municipal, de "marchar ás antípodas", a Sidney, "tamén para falar dun plano". De aí que considere que "xa está ben de tanto paseo a costa da peonalización".