A Praza da Ferrería foi o escenario escollido polo socialista Iván Puentes para presentar formalmente a súa candidatura á alcaldía de Pontevedra de cara ás eleccións municipais do próximo mes de maio.
O Partido Socialista pechou filas ao redor do seu candidato pontevedrés co apoio de cargos institucionais chegados desde diversos puntos de Galicia, coa presenza do seu secretario xeral en Galicia, Valentín González Formoso, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, alcaldes como os da Coruña (Inés Rey), Lugo (Lara Méndez), Santiago de Compostela (Xosé Sánchez Bugallo), Ferrol (Ángel Mato) ou Vilagarcía (Alberto Varela), deputados nas cortes do estado, e outros cargos e candidatos do PSOE na comarca.
Baixo o lema 'A Pontevedra que vén', Puentes defendeu que a súa é "a única alternativa real, fiable, con experiencia de goberno demostrada que combina o mantemento dos moito e bo feito estes últimos 24 anos coa necesidade e as ganas de abrir un novo tempo, que lle meta unha nova marcha a Pontevedra". Por iso asegurou que nas que serán unhas "eleccións históricas" a cidadanía deberá elixir entre "pasado ou futuro, BNG ou PSOE, Puentes ou Lores" porque "non hai máis alternativa", sinalou en referencia á candidatura do Partido Popular xa que "todas as enquisas e ata as súas propios militantes din que o candidato do PP non vai ser alcalde".
O cabeza de lista do PSdeG-PSOE cualificou o proxecto dos seus actuais socios de goberno como "esgotado" cun alcalde que é "boa persoa, pero un político sen ganas, sen ilusión e sen propostas de futuro" nun momento "transcendental para decidir que queremos que sexa Pontevedra durante as próximas décadas. Estamos a decidir cales serán os motores económicos, de xeración de emprego e de riqueza de Galicia, España e Europa. O serán aquelas cidades que saiban captar os proxectos e fondos europeos vinculados á economía verde. Somos a única das grandes cidades galegas que non lidera ningún dos 26 proxectos tractores a financiar con eses fondos", declarou.
"Fomos hai 24 anos os primeiros en apostar pola peonalización en serio, por gañar o espazo público para a xente e iso é un orgullo, pero a Pontevedra do futuro non se constrúe só coa satisfacción de ser os primeiros no pasado", sinalou durante o discurso que pechaba o acto afirmando que "Lores funcionou, pero nin el nin o BNG dan xa máis de si".
Na súa intervención Iván Puentes fixo referencia tamén a súa historia persoal coa Boa Vila, na que se estableceu recentemente cumprida a maioría de idade: "Hai 25 anos caín namorado de Pontevedra e decidín que aquí non só tiña que facer a miña carreira, decidín que aquí tiña que construír a miña vida. Aquí acabei a universidade. Aquí naceron os meus fillos. Aquí loitei por ter o meu posto de traballo. Aquí, en Pontevedra, na cidade na que libremente decidín, hai 25 anos, educarme, crecer, vivir e quedar para sempre, quero cumprir un novo soño", asegurou ante os presentes.
Entre as palabras de apoio recibidas polo candidato polos alcaldes e cargos socialistas presentes, descataron as do secretario xeral galego, Valentín González Formoso, e da presidenta provincial Carmela Silva. O primeiro sinalando a Iván Puentes como unha persoa que "fala e pensa por Pontevedra no día a día" e defendendo que "o PSdeG fai unha gran aposta en Pontevedra presentando o mellor candidato", mentres que Silva mostrou o seu desexo de que "Pontevedra siga sendo esa cidade que a xente mira con envexa, unha cidade creativa, talentosa e que aposta pola cultura", o que ao seu xuízo conseguirá se a candidatura socialista faise coa alcaldía.