Iván Puentes, "optimista" ante un posible acordo orzamentario ao apreciar unha actitude "máis dialogante" no BNG

Pontevedra
11 de decembro 2024

Garantiu que para os socialistas non hai "liñas vermellas". Están dispostos a buscar "vías intermedias" en cuestións nas que "temos puntos de vista diferentes e posicións que non compartimos"

Iván Puentes, portavoz municipal do PSdeG-PSOE
Iván Puentes, portavoz municipal do PSdeG-PSOE / PSdeG-PSOE de Pontevedra

Para o líder dos socialistas pontevedreses, o acordo co goberno municipal para aprobar os orzamentos de 2025 é posible. A negociación entre BNG e PSdeG-PSOE, segundo Iván Puentes, está nunha fase "moi incipiente", pero aprecia cambios con respecto ao ano pasado.

Nunha rolda de prensa celebrada este mércores, Puentes recoñeceu que observa unha vontade e unha posición "máis construtiva e dialogante" no equipo de goberno, polo que afirma que el é "optimista" sobre a posibilidade de pactar as contas municipais para 2025.

"O único ingrediente necesario é que haxa vontade de acordo por ambas partes", subliñou o portavoz socialista, para quen o BNG "comezou a asumir" que non goberna con maioría e que o seu partido "é o único fiable e confiable" para poder negociar "en positivo".

As conversas para a aprobación dos orzamentos, segundo explicou Iván Puentes, están na fase de intercambiar proxectos e discutir contías e avanzou que polo PSOE "non vai quedar" sempre que os nacionalistas "transformen en realidade" a súa vontade negociadora.

Puentes garantiu que para os socialistas non hai "liñas vermellas", xa que están dispostos a buscar "vías intermedias" para chegar a entendementos en cuestións nas que nacionalistas e socialistas "temos puntos de vista diferentes e posicións que non compartimos".

A este respecto, o líder do PSOE pontevedrés avanzou que as propostas que o seu partido puxo enriba da mesa están relacionadas con cuestións que presentaron a través de diferentes mocións ao longo destes case dous anos de mandato municipal.

Son asuntos que forman parte das "preocupacións fundamentais" da cidadanía, garantiu o portavoz socialista, que teñen que ver coa vivenda, o emprego, a creación e asentamento de empresas en Pontevedra, a mellora dos servizos sociais ou a atención ás entidades. 

As contas que se aproben para 2025, engadiu, deben ser "de síntese" entre as propostas do BNG e do PSOE, que son "coincidentes en moitos casos e diverxentes noutros", pero sempre coa disposición necesaria para "entendernos e chegar a un acordo polo ben da cidadanía".

"O mellor que lles pode pasar" aos veciños e veciñas de Pontevedra, sentenciou o dirixente socialista, é que a cidade teña un orzamento pola vía ordinaria en 2025, cunha maioría plenaria "que se poña de acordo para aprobalo".