Novo capítulo na polémica polo traslado da feira ambulante á Alameda. O PSOE considera que existe "certa desinformación e polémica" sobre os distintos informes técnicos difundidos nas últimas semanas sobre a viabilidade do traslado, facendo permanente unha medida que os socialistas aplicaron durante as últimas semanas do mandato ao trasladar aos vendedores ambulantes da súa anterior localización en Rafael Areses ao centro da cidade.
Así, o líder do PSOE, Iván Puentes, insiste en que "non hai razón obxectiva ningunha" para que a feira non se pode situar na Alameda "máis aló de modificar a decisión de levar a feira á Alameda porque si, porque o fixo o PSOE".
Nunha comparecencia acompañado por tres concelleiros socialistas, Yoya Blanco, Marcos Rey e Manuel Fariña, insistiu en que os dous informes do secretario municipal que o BNG difundiu como contrarios ás pretensións do PSOE, en realidade, tan só se refiren "unicamente a unha cuestión formal", non de fondo sobre a iniciativa.
O PSOE presentou unha moción para instar á modificación da actual ordenanza reguladora da venda ambulante, que data do ano 1997, e á modificación da nova ordenanza que pretende impulsar o BNG.
O 4 de agosto, o primeiro informe do secretario advertía ao PSOE que non era o momento de modificar a nova ordenanza, que xa estaba en exposición pública, que era necesario modificala despois de que se aproben no Pleno. "É unha cuestión de tempos, unha cuestión formal", insiste Puentes.
O 11 de agosto emitiuse un segundo informe con outra "cuestión formal", pois conclúe o secretario que o PSOE non pode facer unha proposición ordinaria para modificar a ordenanza actual ata que se aproba a nova, senón que é necesario realizar unha proposición normativa.
Iván Puentes presentou este mércores esa nova proposición normativa na que pide que a ordenanza inclúa como localización da feira a Alameda e, de forma alternativa, en caso de obras ou imposibilidade de celebrala alí, Campolongo.
A intención dos socialistas é que, se a nova ordenanza non vai ao pleno de setembro para a súa aprobación definitiva, se modifique a actual, para permitir que os feirantes poidan volver canto antes á Alameda. "Se pretenden dilatar no tempo a nova ordenanza", explica, levarán a ese Pleno a modificación.
En todo caso, insiste en que "aquí os tempos vai definir única e exclusivamente o BNG", pero "a feira vai estar si ou si na Alameda, máis cedo ou máis tarde".
Aclara, ademais, que nada obriga a que, tras aprobarse a nova ordenanza, haxa que volver sacar a licitación o total de postos da feira ambulante, 340 , aínda que a maioría figuran baleiros.