Iván Puentes e Yoya Blanco descobren as oportunidades da Nova Bauhaus Europea

Pontevedra
12 de abril 2023
Reunión de Iván Puentes e Yoya Blanco en Bruxelas
Reunión de Iván Puentes e Yoya Blanco en Bruxelas / Concello de Pontevedra

Os concelleiros de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, e de Promoción Económica, Yoya Blanco, mantiveron este mércores en Bruxelas unha reunión co deputado Marcos Ros Sempere, representante da 'Nova Bauhaus Europea' (NBE), unha iniciativa que busca impulsar a dimensión arquitectónica e o seu valor na mellora da calidade de vida das cidades.

Esta iniciativa foi presentada en 2020 pola presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen e pretende asignar aos cidadáns un papel activo no deseño da súa contorna.

"El trabajo que ha venido realizando Pontevedra en los últimos años en cuanto a desarrollo urbano sostenible es un trabajo envidiable y enmarcable dentro de los tres grandes criterios de la Nueva Bauhaus: sostenibilidad, belleza en cuanto a calidad arquitectónica e inclusión", dixo Ros.

Iván Puentes destacou que "unha boa parte dos proxectos da estratexia de Pontevedra flúe correspóndense perfectamente cos tres obxectivos desta estratexia". 

Concretamente, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible citou o proxecto de creación de lagoas artificiais construídas na parte alta do río Valdecorvos, que terían como finalidade asumir os incrementos repentinos de caudal provocado por fortes choivas, que asolagan a zona da rúa Pai Fernando Olmedo.

E, especialmente, o proxecto para destapar o tramo do río Gafos que discorre canalizado e baixo laxas de formigón polo barrio de Campolongo para a súa renaturalización.

Por iso Iván Puentes avanzou que van introducir os criterios da Nova Bauhaus na valoración do concurso de ideas que determinará como serán as obras no río Gafos "por unha cuestión de convencemento, tamén por unha cuestión ética e de eficiencia desde o punto de vista da captación de fondos europeos" para financiar a segunda fase do proxecto, correspondente ao tramo que vai desde a igrexa de San José a Ponte Boleira.

Ademais, segundo puideron saber os edís, a adaptación de proxectos aos criterios da NBE mellora a puntuación dos proxectos que se presenten a futuras convocatorias do Pirep (Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos), o que será tido en conta para un posible proxecto de rehabilitación do barrio de Monte Porreiro.